En portadaÚltima hora

Maios solidarios coa loita contra o COVID-19 en Verín

O Concello decidiu doar, integramente, a cantidade orzamentada para estes festexos á investigación da vacina contra o coronavirus

Foto: Concello de Verín.

 

Dez colectivos están a traballar na elaboración das tradicionais coplas dos Maios, superando así o número de participantes con respecto ao ano pasado, e nunha edición ademais marcada pola solidariedade.

Así a Concellería de Festexos do Concello de Verín celebrará a festa dos Maios, mantendo a elaboración das tradicionais coplas pero adaptadas e optimizadas para a súa lectura e difusión a través de internet e dispositivos móbiles.

Ao non ser posible a venda das coplas e a recadación de fondos solidarios para as asociacións participantes, así como a elaboración dos Maios Florais, debido ás restricións derivadas do actual estado de alarma, este ano o ente municipal decidiu doar, integramente, a cantidade orzamentada para devanditos festexos á investigación da vacina contra o COVID-19.

Os colectivos que están a elaborar coplas son os seguintes: IES Xesús Taboada Chivite, Colexio Plurilingüe María Inmaculada, o Colexio Apostólico Mercedario, o CEIP Princesa de España, o CEIP Amaro Refojo e o CRA Monterrei; e pola Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, a Asociación de nais e pais de alumnos e alumnas do Conservatorio de Verín, o Centro de día de Verín Raiola e, como xa vén sendo habitual neste Certame en lembranza da persoa que recuperou a tradición dos Maios en Verín, da Asociación Verinense de Amigos da Música.

A concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, quixo destacar o «extraordinario esforzo e a implicación que están a demostrar os centros de ensino da vila traballando arreo, incluso nunha situación tan difícil coma a que está a vivir a nosa sociedade, para que a tradición se manteña viva e sirva para fins sociais».

Ademais agradeceu o “altruísmo e compromiso social» das asociacións e do centro de día Raiola que, ao igual que os colexios e institutos que elaboran as coplas, non recibirán este ano ningún tipo de contraprestación por participar, posibilitando así que o o Concello poida doar íntegra a cantidade orzamentada para os Maios á investigación da vacina contra o COVID-19”.

 

Artigos relacionados

Back to top button