En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Máis de 1.300 persoas asisten á XVIII Festa do Botelo no pavillón de Calabagueiros do Barco

Durante toda a fin de semana poderá degustarse botelo en varios restaurantes da vila

Varios eran os frentes abertos na xornada do 20 de xaneiro no Barco de Valdeorras no marco da XVIII edición da Festa do Botelo, cun completo programa de actividades que se abría en torno ás once da mañá coa inauguración da III Feira de produtos tradicionais, con máis dunha vintena de postos no paseo do Melecón, que tamén abrirá mañá pola mañá. Despois tiña lugar o acto no Teatro Lauro Olmo, co pregón e a mención de honra.

Con todo, o prato forte chegaba ás dúas e media da tarde, nun ateigado pavillón de Calabagueiros no que unhas 1.350 persoas (entre eles os membros da corporación municipal do Barco e alcaldes de Valdeorras) deron boa conta do menú elaborado e servido por Mantesil. En total servíronse uns 800 quilos de botelo acompañados por patacas, chourizos e verdura, ademais de bica e torta de roxóns.

Entre os asistentes tamén estaban os tenentes de alcalde do Concello de Lalín, Nicolás González e de Cacabelos, Maika González. Esta última asistía para comprobar como se desenvolvía a festa e tomar nota xa que teñen pensado organizar unha destas características no seu Concello. Ámbolos dous loaron a organización e o sabor do botelo, asegurando estar encantados.

A nota musical da festa poñíana os diferentes grupos que actuaron durante o xantar e tamén pola tarde e noite por varios establecementos hostaleiros do Barco. Entre eles os valdeorreses Ouruxobruxo, os triveses Macizas Centrais ou os quirogueses Os Palletas.

Malia que o xantar popular se desenvolveu coma sempre no pavillón, a Festa do Botelo celébrase durante toda a fin de semana. Segundo o alcalde do Barco, Alfredo García, ampliaron a actividade porque “queremos que a xente nos visite e deguste o botelo nos restaurantes da vila”. Para o rexedor barquense “a posibilidade de que a festa creza está en aumentar o número de restaurantes que poñan o botelo nos seus menús esa fin de semana”. Ademais de comer botelo tamén se poderán degustar pinchos na Ruta de Pinchos O Barco vai de viños que remata mañá día 21. Unha actividade organizada por Aeva coa colaboración do Concello do Barco.

Os establecementos nos que se poderá degustar botelo son: Cafetería Restaurante Fernando III, Casa Galaica, Pulpería El Dorado, Piquiño restaurante, Casa Lameiro, Tapería Al Natural e Restaurante Tomás.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button