ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Máis de 1.400 persoas na XXIV Festa da Carne de Montederramo

Este multitudinario xantar estivo animado pola música da Charanga Nova Terra de Trives e pola da banda de gaitas de Maceda

En torno ás 13h. deste xoves 12 de outubro abríanse as portas da carpa instalada na praza que, pouco despois, acollía a XXIV Festa da Carne de Montederramo. Multitude de persoas, máis de 1.400 segundo a organización, dábanse cita nesta celebración gastronómica que coincide cada ano coa feira mensual desta localidade e coa Virxe do Pilar.

Os asistentes degustaban carne de tenreira preparada de diferentes formas. Non faltaba a saborosa carne ao caldeiro con cachelos, richada e tamén en empanada, acompañada por viños da Ribeira Sacra. E, xa na sobremesa, outros produtos típicos como a bica ou o licor café. O xantar estivo animado polos sons tradicionais da Banda de gaitas de Maceda Chimpafríos, así como polo ritmo da charanga Nova Terra de Trives.

Ademais do xantar, nesta xornada festiva en Montederramo había outras actividades paralelas como a I Exposición de Gando Vacún “Agrigga Carne S. Cooperativa Galega”. O Concello de Montederramo, promotor desta festa, tamén contaba coa colaboración de Protección Civil de Maceda.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button