DeportesÚltima hora

Máis de 10.000 corredores invadirán este domingo o centro de Ourense

A 42ª carreira pedestre popular do San Martiño arrancará ás 11h. coa proba absoluta
Saída da carreira absoluta na pasada edición da San Martiño. /Foto: Carlos G. Hervella.

Este domingo, 18 de novembro, as rúas de Ourense serán invadidas polos máis de 10.000 participantes na 42ª edición da carreira pedestre popular do San Martiño.

Xa desde as 7 horas estará pechado ao tráfico toda a contorna da Glorieta Nexus VI e os seus arredores, desde Pardo de Cela até a marxe dereita do río Miño. O resto do percorrido da carreira será pechado a partir das 10:30 horas. E só media hora despois, ás 11 horas, Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, darán o pistoletazo de saída á proba absoluta.

A carreira escolar comezará ás 12:30 horas, coa presenza na saída de José Antonio Álvarez, presidente da Federación de ANPA’s de Ourense, mentres que a dos cativos dará comezo ás 13:20 horas con Ángel Fidalgo, responsable técnico da delegación ourensá da Federación Galega de Atletismo, na pancarta de saída. Finalmente, ás 13:30 horas, comezará a carreira inclusiva (para persoas con diversidade funcional), novidade deste ano, coa saída a cargo de Jesús Vázquez, alcalde de Ourense.

 

Información xerál das carreiras.

 

Ese día o centro da cidade de Ourense estará cheo de xente, polo que a Policía Local recomenda non circular nin acceder ao circuíto momentos antes dos horarios previstos para o corte de tráfico, que irán recuperando a normalidade a partir das 14 horas -algo máis tarde nas proximidades do complexo deportivo dos Remedios, onde estará emprazada a meta-.

O centro comercial Ponte Vella abrirá o aparcadoiro para darlle servizo aos participantes na carreira. De ser necesario empregar o coche, hai que ter en conta as indicacións da Policía Local: a circulación procedente de Alfredo Brañas -estrada de Oira- desviarase polo barrio do Peliquín. Igualmente, o tráfico da Avenida de Marín desviarase cara á rúa Alfredo Brañas.

Se é necesario empregar o coche para a travesar a cidade, a Policía recomenda empregar itinerarios alternativos: para cruzar o río Miño, facelo por Oira ou pola Ponte Novísima; no caso de dirixirse cara a zona Sur-Oeste, a mellor opción é facelo polo Polvorín, rúa Manuel Murguía e a Farixa; mentres que para a zona Sur – Leste, a mellor alternativa é atravesar o barrio de San Francisco e a rúa Nosa Señora da Saínza.

Velando pola seguridade da carreira e dos seus participantes, a organización contará cun amplo dispositivo da Policía Nacional.

 

Plano das carreiras.

Artigos relacionados

Back to top button