OurenseÚltima hora

Máis de 120 deportistas ourensáns tomarán parte nos XIV Xogos do Eixo

O Consello Municipal de Deportes ultima cos delegados a participación de Ourense en categorías feminina e masculina en balonmán, baloncesto, atletismo e natación, así como en fútbol 7 masculino e voleibol feminino

Publicidade
Reunión do CMD de Ourense cos delegados dos deportes que participarán nos Xogos do Eixo.

 

O Consello Municipal de Deportes ultima a participación de Ourense nos XIV Xogos do Eixo. O concelleiro de Deportes e presidente do CMD, así como a coordinadora deste organismo, Mario Guede e Marta Míguez, respectivamente, reuníronse cos delegados dos deportes que participarán nesta competición internacional que se celebrará do 3 ao 8 de xullo en Maia (Portugal).

O Consello Municipal de Deportes de Ourense inscribiu a máis de 120 deportistas ourensáns como participantes nos XIV Xogos do Eixo Atlántico, competindo en categorías feminina e masculina de balonmán, baloncesto, atletismo e natación, así como en fútbol 7 masculino e voleibol feminino. Todos eles irán acompañados polos seus respectivos adestradores e delegados.

Os Xogos do Eixo Atlántico fundaméntanse nos principios de convivencia, deportividade e respecto mutuo entre todos os participantes. Ademais, coa fin de potenciar ao máximo o xogo limpo entre todos os participantes, establécese o galardón especial denominado “Trofeo Xogo Limpo Nelson Cardoso”, en base ao comportamento do conxunto dos integrantes das delegacións participantes.

O concelleiro de Deportes e presidente do Consello Municipal de Deportes (CMD), Mario Guede, recalca que que “Ourense continúa a manter a súa implicación con estes xogos que fomentan a convivencia e os valores deportivos, de aí a importancia da coordinación previa cos delegados deportivos que acompañarán aos nosos deportistas. A cidade, que xa foi sede destes xogos, sempre estivo ben representada e así seguirá sendo pola ilusión e compromiso da nosa mocidade”.

Artigos relacionados

Back to top button