EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Máis de 120 persoas nas presentacións da D.O. Monterrei en Bilbao e Santander

Estas accións promocionais, dirixidas polo sumiller Luis Paadín, incluían un Túnel do Viño e explicacións sobre as características produtivas desta zona vitivinícola, así como das súas variedades e tipos de brancos e tintos
Público nunha das accións promocionais celebradas en abril.

Continúan as accións promocionais da Denominación de Orixe Monterrei polo territorio español. Tras unha presentación na cidade da Coruña en marzo, desta volta os viños desta zona ourensá achegábanse a outras dúas cidades do norte na segunda semana de abril cunha moi boa acollida.

Así o Hotel Escuela Las Carolinas de Santander e a Bodega Urbana de Bilbao acollían nestes días nas súas instalacións sendas Masterclass da D.O. Monterrei, xunto cun Túnel do Viño do seus brancos e tintos. A estas presentacións acudían máis de 120 persoas: sumilleres, distribuidores, prensa especializada, bloggers, hostaleiros, profesores e alumnos/as de escolas de hostalería.

Cada unha destas accións estaba coordinada polo experto sumiller Luis Paadín e nelas aportábase información sobre a historia, características de clima e solo desta denominación ourensá, das súas variedades de uva ou tipologxía de viños. Ademais amosábase a relevancia histórica dos lagares rupestres en Monterrei, a zona de Galicia que conserva unha maior concentración destas antigas estruturas.

Logo dábase paso a un Túnel do Viño, no que os asistentes tiñan a oportunidade de coñecer e catar os viños de 23 bodegas de Monterrei: Pazos del Rey, Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, Quinta do Buble, José Antonio Da Silva Pereira, José Luis Mateo García (Quinta da Muradella), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Boo-Rivero, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Concepción Paradela Martínez, O Cabildo, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández) e Trasdovento.

 

Túnel do Viño con diversas marcas da D.O. Monterrei.

Nestes dous actos promocionais volvíase a contar coa colaboración de produtos co selo de “Galicia Calidade”. “Todas estas accións buscan dar a coñecer a nosa zona vitivinícola e o noso produto, un produto con características e personalidade propia do cal debemos sentirnos orgulloso”, indica a presidenta del C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button