OurenseÚltima hora

Máis de 150 escolares participarán nas xornadas de impulso das vocacións científicas entre as rapazas, na Tecnópole

A iniciativa replícase en 17 parques científicos e tecnolóxicos de toda España no marco do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en Feminino”

 

Máis de 150 escolares pasarán neste mes de outubro polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole para participar nas tres xornadas de impulso das vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Na primeira sesión celebrada a comezos de mes reunía a medio cento de estudantes do Colexio Maristas de Ourense, que  aprenderon que as diferencias de xénero non deben ser un condicionante para elixir unha carreira académica e profesional.

A xornada comezou cunha competición na que os participantes demostraron os seus coñecementos sobre a selección de 19 científicas e tecnólogas con traxectorias destacadas que forman parte da exposición “Mulleres que cambiaron o mundo”. Posteriormente, a doutora en ciencias físicas Marta Otero explicoulles que a curiosidade e a mente aberta son fundamentais para elixir unha vocación e dedicarse a ela con paixón, sen que o xénero deba interpoñerse en ningún sentido.

No obradoiro sobre mundos químicos, os participantes enfrontáronse ao reto de averiguar as causas do deterioro da catedral de Santiago nun escenario ficticio no que os seus pórticos e esculturas se están deteriorando rapidamente. Traballando en equipos, os alumnos e alumnas investigaron para descubrir, mediante os fundamentos da química, que está provocando este problema e como pode resolverse.

Finalmente, os estudantes participaron nun taller no que, traballando en equipos liderados por rapazas, deberán formular propostas de solucións innovadoras a retos reais do Parque Tecnolóxico de Galicia identificados na Estratexia Europea 2020 da UE.

Os días 10 e 17 de outubro serán senllos grupos do Colexio Plurilingüe Divina Pastora e do IES Ramón Otero Pedrayo os que se trasladen ao Parque Tecnolóxico de Galicia para participar nesta iniciativa, deseñada para aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na educación secundaria, contribuíndo así a romper a fenda de xénero nos estudos STEM (siglas en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).

 

Artigos relacionados

Back to top button