OurenseÚltima hora

Máis de 150 persoas participarán na IV edición da andaina solidaria ‘Ruta Porta do Canón do Sil’

A cita será o vindeiro 29 de maio e a recadación irá destinada á investigación do cancro infantil e da enfermidade de Duchenne

Presentación da andaina solidaria ‘Ruta Porta do Canón do Sil’.

 

O vindeiro domingo 29 de maio máis de 150 participantes daranse cita na IV edición da andaina solidaria ‘Ruta Porta do Canón do Sil’, unha proba organizada pola Asociación Cultural Os Xuncos que conta coa colaboración da Deputación de Ourense e do Concello de Xunqueira de Espadanedo. A recadadación irá destinada á investigación do cancro infantil e da enfermidade de Duchenne.

A presentación deste evento solidario tiña lugar na mañá deste mércores 18 de maio na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez; a presidenta da Asociación Cultural Os Xuncos, María Alonso; o director técnico da proba, Javier Garrido;e o organizador da andaina, Manuel Garrido.

A andaina, dirixida a maiores de 18 anos e menores acompañados, está deseñada para que os participantes poidan descubrir o patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra, tendo no emblemático Mosteiro de Santa María o punto de partida e meta.

Existen dúas posibles rutas. A máis curta, duns 9 quilómetros, terá o seu percorrido integramente no concello de Xunqueira de Espadanedo, e conta cun desnivel positivo de 205 metros, unha altitude máxima de 809 metros e unha altitude mínima de 622 metros. Por outra banda, a ruta de maior lonxitude, 17 quilómetros, contará cun avituallamento no Miradoiro de Eirado. A ruta presenta unha dificultade media, cun desnivel positivo de 619 metros, altitude máxima de 1.161 metros e unha mínima de 676 metros.

As inscricións (12 euros) estarán abertas ata o día 24 de maio e poderán realizarse no Concello de Xunqueira de Espadanedo de forma presencial ou a través da súa plataforma web.

 

Artigos relacionados

Back to top button