OurenseÚltima hora

Máis de 160 músicos interpretarán os temas de Queen no Auditorio Municipal de Ourense

A Banda Artística de Merza e o Coro Gli Appassionati actuarán este sábado 10 de novembro

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá o sábado, 10 de novembro, o espectáculo The Queen Symphony. Trátase dun concerto gratuíto a cargo da Banda Artística de Merza (provincia de Pontevedra) e do Coro Gli Appassionati (Vigo), que farán un repaso en versión orquestral polos mellores temas da mítica banda británica liderada por Freddie Mercury.

Máis de 160 persoas daranse cita sobre o escenario, nunha colaboración única entre a coral (70 persoas) e a banda sinfónica (80 instrumentistas), que con este concerto quixo conmemorar os 190 anos de vida da orquestra nunha localidade que non chega aos 400 habitantes. Fundada no ano 1828, é a agrupación popular máis antiga de Galicia.

O concerto comezará cos arranxos realizados en torno aos temas  Radio Gaga, Show must go on, One world, one vision e  I was born to love you. Na segunda parte será a quenda do lírico Love of my life, que dá orixe a un concerto de piano cos temas Another one bites the dust e Killer Queen, como un dúo en forma de protesta. A continuación, nun diálogo entre o violín e o violoncello, interpretarase Who wants to live forever. The Queen Symphony continúa coa particular versión orquestrada do tema Bicycle race e un desfile de grandes momentos de Queen: Mama, just killed a man…, We will rock you, Scaramouche… para rematar con We are the champions e unha repetición de Who wants to live forever.

Artigos relacionados

Back to top button