EconomíaEconomíaÚltima hora

Máis de 200 arquitectos revisarán, de xeito altruísta, as vivendas afectadas polos incendios

O Colexio de Arquitectos de Galicia abre unha listaxe para que os profesionais analicen as edificacións e outras construcións e ver se a xente pode entrar ou non no inmoble sen perigo
Cartel da iniciativa.

O Colexio de Arquitectos de Galicia habilitou, o pasado martes, unha listaxe aberta para colexiados dispostos a axudar no proceso de recuperación das familias e a terra galega tras os incendios que asolan Galicia dende o pasado domingo, 15 de outubro. Os arquitectos amósanse “sobrecollidos e indignados”, din, polas consecuencias destes tráxicos sucesos e o colectivo asegura que ten que solidarizarse coa veciñanza e colaborar ofrecendo apoio ás familias prexudicadas.

Dende a Xunta de Goberno do Colexio aseguran que “a reacción do colectivo está sendo espectacular” xa que se superaron as 200 inscricións. “Debe de existir un proceso colaborativo onde todos os arquitectos galegos interesados en axudar ás familias despoxadas dos seus lares teñan unha canle de apoio e comunicación. Moitos queremos e temos mans para ofrecer”, destacan dende a xunta de Goberno, recollendo a proposta da colexiada Elisa Otero Ouro.

Os arquitectos poderán axudar, apuntan dende a institución, nas revisións de edificacións e outras construcións para que os propietarios vexan se poden ou non entrar no seu inmoble sen perigo, así como realizar informes, asesorías técnicas e outro tipo de inspeccións e traballos.

Os arquitectos poden inscribirse nesta listaxe a través da web colexial: www.coag.es. Así mesmo, aqueles cidadáns interesados en obter información sobre esta vía colaborativa poden dirixirse ao Colexio de Arquitectos de Galicia a través do enderezo de correo electrónico coagaxuda@coag.es. Do mesmo xeito, os Concellos que foron afectados poderán dirixirse ao Colexio desde os seus servizos sociais para canalizar e coordinar este voluntariado das arquitectas e arquitectos de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button