DeportesÚltima hora

Máis de 200 deportistas daranse cita na Copa Xunta de Rugbi 7 que se celebrará en Ourense o 17 de maio

A proba celebrarase nas instalacións do Campus Universitario e contará con 15 equipos de 13 clubs de toda Galicia
Xogada do equipo sénior do Campus Ourense Rugbi. /Foto: Carlos G. Hervella.

O vindeiro mércores día 17 de maio, Día das Letras Galegas, Ourense acollerá a Copa Xunta de Rugbi, unha competición oficial dentro do calendario de actividades da Federación Galega de Rugbi que se celebrará nas instalacións do Campus de Ourense, programándose unha competición de máis dez horas (os partidos comezarán ás 10:30 e a final está programada para as 20:30 horas) con entrada gratuíta para que asista o maior número de xente posible como público.

No torneo participarán un total de 15 equipos de 13 clubs (o Campus de Ourense e o CRAT da Coruña acudirán con dúas formacións cada un), nove en categoría masculina e seis en feminina, reunindo nas instalacións universitarias a máis de 200 deportistas, entre xogadores e adestradores. Os partidos disputaranse na modalidade de rugbi a sete entre equipos con sete xogadores de campo cada un -12 na convocatoria-, en sete minutos por parte -dous partes con cambio de campo-, unha modalidade moito máis dinámica e explosiva que o rugbi a quince. Malia que segue a ser un deporte de enfrontamento, o equipo que mellor logre evadir ao adversario máis posibilidades de vitoria terá.

A estrutura competitiva da Copa tanto na modalidade masculina como na feminina, disputarase en dúas fases: a primeira de grupos e a segunda de eliminatorias. En categoría masculina fórmanse tres grupo de tres equipos, disputando o título os primeiros clasificados de cada grupo e o mellor segundo. Pola súa banda, na feminina configúranse dous grupos de tres equipos, disputando o título de Copa Xunta os dous mellores equipos de cada grupo.

Prevese que as finais comecen sobre as 20 horas, xogándose un total de 28 partidos, 17 masculinos e 11 femininos.

 

Presentación da proba no Salón de Plenos do Concello de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button