Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Máis de 250 persoas participarán na X edición da Chandrexa Trail o 19 de xuño

O trail terá catro percorridos, entre os 42 e os 7,5 km e tamén haberá unha andaina de 18 km

 

Tras dous anos de ausencia obrigada pola crise sanitaria, a Chandrexa Trail, que este ano cumpre dez anos dende a súa primeira edición volve ao calendario deportivo da provincia. A proba deportiva, organizada pola Running Sport Trail e a Deputación de Ourense, que por cuarto ano consecutivo colabora coa Asociación de Fibrosis Quística de Galicia, terá lugar o vindeiro domingo 19 de xuño no concello de Chandrexa de Queixa, e nela daranse cita máis de 250 participantes procedentes de toda Galicia e diferentes puntos de España. tamén contará coa presenza dun corredor chileno.

A proba consistirá en catro percorridos, a escoller polos participantes, entre os 42 quilómetros na súa modalidade máis desafiante -cun desnivel de 2.850 metros-, un circuíto de 28 quilómetros -desnivel de 1.510 metros-, de 18 quilómetros -960 metros- e de 7,5 quilómetros -480 metros de desnivel-. Todos os percorridos parten dende a casa consistorial da localidade con excepción do percorrido máis pequeno, que partirá dende a saída do embalse. Ademais, celebrarase unha andaina de 18 quilómetros.

É de destacar que con ocasión do décimo aniversario da proba, o percorrido principal, que é o que percorre habitualmente 35 quilómetros, foi ampliado ata alcanzar a distancia de 42 quilómetros, converténdose así nun maratón.

 

Presentación do Chandrexa Trail.

 

Durante o percorrido os participantes terán a súa disposición distintos puntos de avituallamento , nos cales poderán repoñer forzas para continuar a carreira, que contará tamén con corredores escoba, que eliminarán os corredores que non cheguen os distintos cortes horarios propostos pola organización.

A proba será válida para á clasificación da Liga Provincial de Trail Ourense, e por tanto, os puntos obtidos serán computables no sistema ITRA. Tamén é destacable que esta competición servirá como clasificatorio para o desafío de UTMB Mont-Blanc, que terá lugar no mes de agosto e que reunirá ós mellores corredores do mundo.

A presentación do evento deportivo contou coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; do director da carreira e presidente da Running Sport Trail, Diego Martínez; o responsable de seguridade da proba, Gerardo Caneiro; do concelleiro de Cultura e Deportes de Chandrexa de Queixa, Francisco Martínez; e o xerente de Cafés Las Antillas Campos, Marco Vázquez.

Artigos relacionados

Back to top button