ConcellosÚltima hora

Máis de 30 comercios abrirán até a medianoite este venres en Allariz

Descontos, sorteos, animación e actividades para nenos completan a programación da Noite Meiga
Os organizadores da Noite Meiga mostran o cartel do evento, que será este venres.
Os organizadores da Noite Meiga mostran o cartel do evento, que será este venres.

O vindeiro venres 25 de xuño as rúas de Allariz encheranse de animación até ben entrada a noite. Concretamente até a medianoite. Máis dunha trintena de comercios ampliarán o seu horario comercial no marco da Noite Meiga, que promete descontos, sorteos, animación e actividades para nenos entre as 20 e as 24 horas.

Tendas de roupa e calzado, hostaleiros e outros servizos ofrecerán descontos de até un 50% a todos aqueles que decidan animarse a mercar na vila en horarios pouco frecuentes. Ademais, ao ser o primeiro venres do verán, os veciños poderán desfrutar dunha noite de compras no comercio local con maiores expectativas de que o tempo acompañe.

Segundo explicou a concelleira Cristina Cid, o obxectivo desta iniciativa é “dinamizar a vila dando a coñecer a oferta comercial e hostaleira”. O evento tamén conta coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Allariz, que ofrecerán agasallos aos clientes a través dos sorteos de máis de 25 produtos e unha viaxe a Londres para todos aqueles que fagan as súas compras na Noite Meiga. Os hostaleiros ofrecerán petiscos meigos a prezos reducidos.

A programación contemplará tamén a apertura de museos en horario nocturno e a realización dun flashmob por parte dos alumnos dunha escola de baile local.

Artigos relacionados

Back to top button