OurenseÚltima hora

Máis de 300 persoas e 26 carrozas participarán na Cabalgata de Reis en Ourense

A comitiva sairá ás 18 horas desde a avenida das Caldas e percorrerá as rúas máis céntricas da cidade ata a praza Maior

Cabalgata dos Reis Magos do 2019./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

As súas maxestades os Reis Magos de Oriente percorrerán as rúas de Ourense este domingo 5 de xaneiro. A cabalgata sairá dende a avenida das Caldas ás 18 horas e desfilará repartindo 3.000 quilos de caramelos ata a praza Maior, emprazamento da fin de festa das 26 carrozas participantes.

A temática elixida pola Concellería de Cultura serán os animais do mundo. Así, a Cabalgata contará a historia da viaxe dos tres reis magos polo mundo ata chegar á cidade de Ourense. No seu periplo, foron atopándose animais fantásticos e marabillosos que decidiron acompañalos para coñecer as nenas e os nenos de Ourense. Unha narrativa construída a través das imaxes oníricas propostas nos espectáculos e animacións coas representacións de diversos animais, utilizando atractivas técnicas de construción escenográfica para representar o mundo animal.

 

Plano do percorrido da cabalgata polas rúas de Ourense.

 

Os elementos que compoñen esta cabalgata están deseñados para a constante interacción co público, de forma que as nenas e os nenos aperten, toquen e palpen estes marabillosos seres. A través deste espectáculo, o Concello quere achegarlles o mundo animal á cativada de Ourense dunha maneira respectuosa co medio ambiente.

Máis de 300 persoas participarán activamente na Cabalgata facendo figuración. Ademais, técnicos municipais encargaranse de acompañar o desfile durante o percorrido, ademais de persoal de Protección Civil e Policía Local.

 

Artigos relacionados

Back to top button