Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Máis de 4.000 persoas pasaron esta fin de semana por Expourense

O recinto feiral acolleu novas edicións dos salóns Celebra, Bebega e Antiq Auria

Despois dunha intensa fin de semana ateigada de actividade, Expourense pechaba as portas da triple cita organizada para toda a familia: Celebra, Bebega e Antiq Auria con máis de 4.000 visitas, especialmente na tarde do domingo, 25 de novembro.

Tal como explican dende o recinto feiral, no que respecta a Celebra e Bebega, queda patente que “o público prefire o comercio local e o trato persoal á hora de organizar os seus eventos familiares e tamén no momento de preparar a chegada de novos membros á familia”.

A 19ª edición da feira definiuse por un marcado carácter creativo impulsado por emprendedores da provincia de Ourense, non só en moda nupcial e de festa, senon en todo o que rodea a organización dun evento. As dúas pasarelas Celebra, presentadas pola cantante Lucía Pérez e polo director da Axencia Luena, Manu Varela, congregaron centos de asistentes interesados en coñecer as novas liñas das firmas colaboradoras que presentaron deseños de coleccións de fabricación propia, acompañados por estilismos internacionais en perruquería e maquillaxe así como as novas tendencias en arranxos florais e xoiaría fabricada en Ourense e a medida. As variadas novidades que se puideron observar na pasarela para a vindeira temporada en moda nupcial de vestidos de noiva foron o emprego de tecidos coma o tul, o crepé ou o encaixe e introducindo numerosos complementos. En moda nupcial para home presentáronse coleccións cunha gran aposta polo clasicismo e a elegancia con patronaxes perfectos feitos a medida co azul como gran cor protagonista. No referente aos eventos, os profesionais desta edición coinciden en que algún dos elementos máis demandados está sendo a instalación de mesas doces, os fotomatóns ou as grandes iniciais dos protagonistas, de madeira ou luminosas. As parellas e familias visitaron o salón para planificar o seu evento pero, sobre todo, na busca de ideas para ser orixinais e diferenciarse pero sen ter que pagar máis por elo.

A personalización, a creatividade e o deseño marcaron os produtos que ofrecían tanto os expositores de Celebra como os de Bebega, sendo moitas as familias que sairon do recinto de Expourense cunha bolsa de carriño, un coxín ou un boneco de peluche personalizado co nome do futuro bebé.

A segunda edición de Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, reuniu a expositores procedentes de 4 países (España, Portugal, Francia e Suíza). Alí, o público tivo a oportunidade de navegar por milleiros de antigüidades e obxectos vintage e facerse con pezas tanto de pequeño tamaño como moedas, xoias ou porcelanas, ata otras de gran formato como todo tipo de mobles.

Remata así unha fin de semana ateigada de actividade en Expourense. A vindeira cita no recinto feiral será os días 5 e 6 de decembro coa 19ª edición de Megaxove, Salón da Xuventude.

Artigos relacionados

Back to top button