DeportesÚltima hora

Máis de 40 equipos participarán esta fin de semana na VI Subida Xunqueira de Ambía

A proba automobilística volve ao calendario galego tras oito anos de parón

Presentación da VI subida en Xunqueira de Ambía.

 

A comarca ourensá de Allariz acollerá nesta fin de semana (24 e 25 de agosto) a VI Subida Xunqueira de Ambía, unha proba automobilística coa que colabora a Deputación de Ourense que, tras oito anos de parón, volve ao calendario galego con máis de 40 equipos inscritos. Así o adiantaban na presentación que tiña lugar na mañá do 21 de agosto no Pazo Provincial, coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do alcalde de Xunqueira de Ambía, Jose Luis Gavilanes; e do presidente e do vicepresidente da Escudaría Xunqueira de Ambía, Xosé Luis Cid e Xosé Luis Cid Prado.

No acto, os organizadores avanzaron que esta edición da subida celebrarase en dúas xornadas de competición que traerán o Campionato de Galicia de Montaña á provincia de Ourense e tamén aos principais equipos do certame. A proba comezará o sábado 24 de agosto, coas verificacións administrativas e técnicas pola mañá e, tralos adestramentos oficiais disputaranse as carreiras oficiais ás 17:30 horas e ás 19:30 horas. Ao día seguinte, a competición comezará ás 9:30 horas co adestramento, e a partir das 11:30 horas celebraranse as carreiras oficiais. A entrega dos premios terá lugar na praza do Concello ás 15 horas.

 

Xosé Luis Cid Prado, Rosendo Fernández, Jose Luis Gavilanes e Xosé Luis Cid.

 

O vicepresidente da Escudaría Xunqueira de Ambía asegurou que “actualmente están inscritos 42 pilotos, pero aínda está aberto o prazo de inscricións ata hoxe ás 21horas, polo que esperamos chegar aos 50 pilotos, superando a participación que había nas pasadas edicións”. Os interesados en anotarse poden facelo a través da páxina web da Federación Galega de Automobilismo.

Pola súa banda, o alcalde de Xunqueira de Ambía dixo que esta proba “forma parte da programación cultural e deportiva que temos este verán no noso municipio, sendo unha proba potente e importante, que volvemos a poñer en marcha coas ilusións renovadas”. Ademais, a Subida a Xunqueira de Ambía foi “unha competición masivamente seguida por xente do concello e de fóra do municipio, que contribúe a dinamizar o rural e que esperamos continuar a celebrar nos vindeiros anos”, engadiu José Luis Gavilanes.

Artigos relacionados

Back to top button