En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Máis de 500 persoas na XX edición da Festa da Freba de Petín

A cita gastronómica de referencia no mes de decembro cambiaba a cea polo xantar

 

Con cambios significativos se celebraba a XX edición da Festa da Freba de Petín. O primeiro, a hora, pasando da cea das anteriores edicións ao xantar co que nacía hai vinte anos. Así, en torno ás 14:30 horas do 6 de decembro, en plena ponte da Constitución, a carpa instalada a carón da Casa da Cultura (antigo Tele Club), abría as portas a unha das edicións máis numerosas.

 

Guzmán Murias asando as frebas.

 

Preto de 550 comensais (cuxas entradas foron vendidas en menos de dous días), asistían a esta cita gastronómica de referencia na comarca de Valdeorras en plena tempada de matanzas. Unha coincidencia máis que planificada xa que o menú céntrase na carne de porco. De primeiro, consomé con picatostes e ovo cocido; de segundo, chourizo cocido con cachelos; e como prato forte, as frebas de porco á grella (ademais de viño, postre, licores e café). Todo, servido por Mantesil, o outro gran cambio nesta edición da festa que acostumaba a ser servido por xoves voluntarios da vila.

 

 

 

O que non cambiou foi a elaboración das frebas, á grella no exterior da carpa, contando un ano máis coa coordinación do carniceiro Guzmán Murias, encargado ademais do suministro de carne. E con respecto aos asistentes, coma sempre moita xente nova de toda a comarca e de fóra, pero tamén xente maior que non perde unha edición. Entre eles atopamos a Inés Siso Fernández, “nai do Quifi” que está a piques de cumprir cen anos e que foi homenaxeada pola súa familia durante o xantar. Inés naceu o 1 de maio de 1921 “o días das flores” como ela mesma di, é nai de dous fillos e ten seis netos e catro bisnetos. Rodeada dalgúns deles, asistiu orgullosa e cun aspecto estupendo a esta celebración que remataba coa música da discoteca móbil STUU.

 

Inés Siso coa súa familia.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button