En portadaPizarraÚltima hora

Máis de 500 proxectos no Plan Renove da lousa, granito e tella

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, vén de presentar a nova convocatoria destinada á renovación de fachadas e cubertas que mobilizará 8 millóns de euros
Palé de lousa valdeorresa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O 6 de xullo sairá publicada na Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria do Plan Renove de lousa, granito e tella cerámica que permitirá desenvolver máis de 500 proxectos para a renovación de cubertas e fachadas de inmobles. Poderanse beneficiar del aquelas persoas e comunidades de propietarios titulares de vivendas ou edificios de vivenda colectiva que presenten as súas solicitudes, durante un prazo de tres meses, a partir do día seguinte ao da súa publicación. Así o anunciaba en rolda de prensa o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces.

Este plan, que conta cun investimento de 1,95 millóns de euros (un 30% máis que o orzamentado inicialmente o pasado ano- e que mobilizará 8 millóns aproximadamente), inclúe tres ordes de axudas para a rehabilitación con granito da envolvente das fachadas, renovación de cubertas existentes con tella cerámica e renovación de cubertas e fachadas con lousa.

 

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, na presentación do plan.

 

“Ao ser unha convocatoria por concorrencia non competitiva, o prazo poderá rematar antes por esgotamento do crédito previsto. Os beneficiarios accederán a axudas de ata un 40%, que serán dun máximo de 140 euros por metro cadrado no caso das de granito, 70 euros no caso da lousa ou 55 euros en tella cerámica”, segundo se informa dende a Consellería de Economía.

Estas tres ordes de axudas, segundo explicaba o director xeral, teñen como principais beneficiarios ás familias galegas. “Un illamento axeitado dunha cuberta dun edificio supón un aforro enerxético dun 20% e dunha envolvente exterior sobre un 15%, de xeito que as vivendas que se acollen a estas liñas de axuda poden chegar a aforros de practicamente o 40%”. Ao mesmo tempo, a iniciativa promove a dinamización sostible do sector mineiro relacionado con estes materiais e o impulso do sector da construción e a reforma

Artigos relacionados

Back to top button