En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Máis de 600.000 persoas non teñen acceso a augas tratadas no mundo, segundo a ONU

Os escolares do CEIP O Couto de Ourense celebraron o día Mundial da Auga e foron premiados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil polos seus debuxos no concurso “Unha ollada ao Miño”

O Día Internacional da Auga caeu con forza sobre Ourense. A climatoloxía foi a máis apropiada para a celebración deste día, que ten por lema “Augas Residuais”, xa que a chuvia non cesou en toda a mañá. Pero iso non freou as celebracións. O alumnado do CEIP O Couto recibiu a visita de “Os Bolechas”, estes animados personaxes instalaron a súa carpa da auga no patio do centro, onde os máis pequechos fixeron obradoiros nos que pintaron gotas de auga e elaboraron chapas decorativas. Asemade, tamén puideron gozar de xogos tradicionais como a chave ou os aros.

Quen tamén se sumaron a estes xogos foi o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; e a xefa territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, María Luz Fernández.

Tras iso, os máis de 320 alumnos deste colexio trasladáronse até o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, para coñecer os premiados do concurso “Unha ollada ao Miño”, no que debía elaborar a súa visión sobre o pai Miño e plasmala no papel mediante un debuxo. O acto estivo presidido pola concelleira Ana Morenza; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Fernándo Marín; e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

Todos salientaron no seu discurso de apertura a importancia que a auga ten moita presenza na cidade e na provincia. O presidente provincial, Manuel Baltar, fixo referencia, por exemplo á Fonte do Rei “presente na obra de Blanco Amor, A Esmorga”. E aconselloulle aos nenos que coidasen este “tesouro”. Pola súa banda, Francisco Marín, fixo un compendio de todas as actividades que levaron a cabo cos máis cativos estes días, todas elas relacionadas coa auga. Tamén fixo fincapé “na dificultade que tiveron os funcionarios da Confederación para elixir aos gañadores, xa que todos son dunha calidade extrema”. Finalmente quixo resaltar tres conceptos “moi importantes” do líquido elemento: “A auga é de todos e por iso temos que coidala; incidir en que máis de 600 millóns de rapaces non teñen acceso a augas tratadas e, finalmente, non tirar residuos como aceites ou chicles polo desaugadoiro”.

En canto aos gañadores, o terceiro premio foi para María González Coello, que fixo un debuxo en branco e negro e resaltou a cor azul do Miño ao seu paso pola cidade das Burgas “porque o Miño dálle cor a Ourense”, dixo a rapaza no seu discurso de agradecemento. O segundo galardón recaeu en María Otero, quen representou ao río a través dun ollo. Finalmente, o primeiro premio, dotado cunha tableta, recaeu sobre Miguel Díaz Álvarez. O rapaz representou a súa ollada ao Miño a través dunha lupa.

Dende a Conferencia Hidrográfica do Miño Sil tamén quixeron honrar o traballo dos docentes do CEIP O Couto “pola súa labor de concienciación cos rapaces e rapazas sobre a auga”, sinalou o presidente Francisco Marín. O premio foi unha escultura de “Navia”, a diosa da auga, que foi recollido polo director do centro, Xosé Luise Pereira que agradeceu o premio resaltando o seguinte: “oxalá sigamos loitando pola auga e polo noso medio”.

Pero o alumnado do colexio tamén lle quixo agradecer á Confederación a súa implicación, e Óscar, un alumno do centro, entregoulle ao presidente do ente, Francisco Marín, unha escultura feita por eles na que “se representa a natureza e a forza da auga que move as turbinas para dar enerxía”, dixo o rapaz.

O acto foi clausurado polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, coa frase “a auga é fonte de vida”. O Delegado díxolle aos alumnos que hai que lembrar “que aínda hai xente no mundo que non ten acceso á auga tratada” e concluíu a súa inrervención agradecendo a labor da comunidade educativa “porque cada paso que dan coas súas ensinanzas son victorias para o noso planeta”.

Texto: Carlos Asensio.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button