EconomíaEconomíaÚltima hora

Máis de 7.000 pinchos vendidos na XI ruta ‘O Barco vai de viños’

Os catro pinchos mellor puntuados polos clientes (Makofajita, Ravioli crocante de rabo de tenreira e Taco de porco con cebreiro e redución unagi) serán valorados por un xurado profesional este sábado 29 de xaneiro

Timbal de solombo, de Café Bar Zigzag.

 

Un total de 7.010 pinchos foron vendidos na XI Ruta de Pinchos ‘O Barco vai de viños, celebrada entre os días 13 e 23 de xaneiro. Así o vén de comunicar a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), organizadora do evento gastronómico en colaboración coa Asociación Centro Comercial Aberto O Barco (CCA) e o Concello do Barco, asegurando que na campaña, calificada de “positiva por hostaleiros e clientes”, participaron 15 establecementos barquenses.

Unha das novidades desta edición da ruta é que os catro pinchos mellor valorados polos clientes pasarán a unha segunda fase na que será un xurado especializado quen decidirá, atendendo a criterios de creatividade, presentación, sabor, textura e tradición, quen é o gañador da XI Ruta de Pinchos. Tamén haberá un segundo premio, un terceiro e un finalista.

Así, tras realizar o reconto dos votos emitidos polos clientes ao mellor pincho, os catro finalistas son: Makofajita, do Bar Makoki; Ravioli crocante de rabo de tenreira, de Alpha Raíces; Taco de porco con cebreiro e redución unagi, de Café Teatro Bajo 5; e Timbal de solombo, de Café Bar Zig Zag.

 

Presentación da Ruta.

 

A valoración do xurado técnico terá lugar este sábado 29 de xaneiro. A cata comezará ás 19:30 horas no Café Teatro Bajo 5, continuará ás 20:15 horas en Alpha Raíces, ás 21 horas será en Café Bar Zig Zag e finalizará ás 21:45 horas en Bar Makoki.

O xurado desta edición da Ruta de Pinchos está formado por Mercedes González Rodríguez, sumiller e enóloga; Ana Isabel Fernández Escuredo, nutricionista e Tecnóloga dos Alimentos para o sector privado e público; Jesús Rodríguez Carreiras, profesor do Instituto de Hostalaría de Lugo; Jorge Mazaira, Enólogo e Director Técnico do Consello Regulador da D.O. Valdeorras; e Constantino Iglesias, xerente Tizar Restaurante Ourense e TG Tino Iglesias Servizos Gastronómicos. A entrega de premios celebrarase o domingo 30 de xaneiro, ás 12horas, no Edificio Multiusos do Concello do Barco.

Paralelamente, a organización celebrará o sorteo de catro ceas para catro parellas o venres, 28 de xaneiro, na oficina de AEVA. Os premiados daranse a coñecer o domingo 30 de xaneiro no acto de entrega de galardóns aos establecementos gañadores e finalista da XI Ruta.

 

Artigos relacionados

Back to top button