OurenseÚltima hora

Máis de 800.000 euros para dous novos proxectos de restauración na Catedral de Ourense

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visita o templo ourensán no que se reformarán as Torres de San Martiño, as Campás, a fachada occidental, as reixas e os púlpitos da Capela Maior

 

A restauración da Catedral de Ourense recibirá este ano un notable impulso con dous novos proxectos dotados con máis de 800.000 euros que “permitirán solucionar as principais patoloxías que afectan ao inmoble e poñer en valor este importante templo e que se suman aos máis de 2 millóns de euros que a Consellería de cultura leva investidos durante a última década”. Así o anunciaba o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, durante a visita que realizaba na mañá deste mércores 7 de abril a este Ben de Interese Cultural ao que se referiu como unha das principais “xoias do patrimonio cultural galego”.

O titular de Cultura, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, explicou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación das obras para intervir nas reixas e púlpitos da Capela Maior. Trátase dunha actuación que estará financiada entre a Xunta, o Estado (a través do 1,5% cultural), e a Igrexa e que representa “unha boa práctica de colaboración entre institucións”. En conxunto, os traballos contan cun orzamento de 429.000 euros, dos cales o Goberno galego aporta máis de 175.000.

 

O conselleiro de Cultura durante a súa intervención.

 

Esta actuación súmase á restauración que a Xunta adxudicará nas vindeiras semanas e que se centrará nas Torres de San Martiño e as Campás e a fachada occidental da Catedral grazas a unha achega de preto de 400.000 euros. Concretamente, o proxecto que está actualmente en fase de licitación contemplan obras de conservación e mellora de diversos ámbitos do templo, que inclúen a fachada occidental, o nártex, as torres de San Martiño e das Campás e dous patios laterais delimitados pola nave central, as naves laterais, a zona do coro e as torres.

Os traballos enmárcanse no novo Plan Catedrais no que está traballando o Goberno galego co fin de blindar o mantemento e a conservación dos cinco grandes templos catedralicios no horizonte do Xacobeo 2027. Román Rodríguez explicou que o Executivo autonómico está ultimando o novo Plan Catedrais, o que será a “folla de ruta” das actuacións previstas nos principais templos galegos nos próximos anos. “É imprescindible traballar na rehabilitación destes templos de maneira planificada e coordinada”, abondou o conselleiro, que puxo en valor a importancia destes bens como “polos tractores” culturais e sociais, pero “tamén económicos” das cidades e das áreas de influencia onde se asentan.

Artigos relacionados

Back to top button