OurenseÚltima hora

Máis de medio cento de mulleres conmemoran o 8 de marzo na CEO

A Confederación Empresarial de Ourense na celebración do seu 45 aniversario, convoca ás mulleres representantes de sectores, asociacións e empresas ourensás

 

Con motivo do Día Internacional da Muller, o patio da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) vén se ser escenario esta mañá dunha concentración de mulleres ourensás pertencentes a distintas empresas e asociacións, ademais de traballadoras da entidade, para conmemorar esta data que reivindica o camiño cara á igualdade entre homes e mulleres.

A representación feminina do mundo da empresa, convocada pola presidenta da CEO Marisol Nóvoa, estivo formada por integrantes da xunta directiva da entidade, presidentas de asociacións, directivas de empresas e representantes de distintos sectores e actividades: industria, autónomas, comercio, artesás, libreiras, pulpeiras, floristas, servizos, automóbil, hostalería, salón de peiteado e estética, formación, limpeza, centros comerciais abertos, audiovisual, construción, centros de formación de estética, funerarias, zapaterías, pasteleiras, instalacións eléctricas, ópticas, xestorías e asesorías, axencias de viaxes, interiorismo e un longo etcétera ata completar máis de medio centenar de asistentes, que acudían tamén desde outros concellos como Carballiño, Ribadavia, Cortegada ou Xinzo de Limia.

Ante elas, Marisol Nóvoa lembrou que unha entidade como a CEO -que celebra o seu 45 aniversario este ano- está presidida por primeira vez por unha muller, e non podía deixar pasar este día e esta conmemoración, convocándoas a todas para felicitalas ‘non só porque é o día da muller, senón tamén polo papel tan importante que desempeñades non só nas asociacións que presidides senón tamén nas empresas nas que traballades e nas vosas familias’.

Nóvoa apuntou na súa intervención varios dos motivos que orixinaron esta convocatoria: ‘porque a CEO non é só cousa de homes, porque moitas asociacións da confederación están presididas por mulleres, porque tamén moitas empresas, aínda que sexan pequenas, están dirixidas por mulleres e porque todos os papeis que desempeñades nestas circunstancias son moi importantes’.

 

 

A presidenta da CEO aproveitou tamén para realizar un repaso da situación da muller na actualidade, afirmando que ‘segue existindo a desigualdade e aínda que avanzamos moito, aínda queda camiño por percorrer, un camiño no que a educación é primordial e a base de todo’. Neste repaso, Novoa destacou a súa preocupación por ‘a brecha salarial, a dificultade para acceder a postos de responsabilidade, en empresas ou institucións, ou cando este acceso non é por méritos propios senón por libre designación; pero o que máis me preocupa é o tema da violencia, noutros aspectos imos evolucionando, pero na violencia, lamentablemente, imos cara atrás e increméntanse os casos de violencia de xénero, física, sexual e psicolóxica’.

Marisol Novoa terminou pedindo ás mulleres congregadas ‘seguir traballando para eliminar estas diferenzas, cada unha desde os postos que ocupamos ou traballos que desempeñamos para conseguir esa igualdade’.

Artigos relacionados

Back to top button