En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Máis dun cento de participantes na IX Andaina de Manzaneda, III BTT e II Trail

Nesta edición este evento incluía sete probas diferentes: un percorrido curto e un longo para camiñantes e corredores e tres diferentes para os ciclistas

A chuvia aparecía como convidada inesperada na IX Andaina de Manzaneda (AdeM) que se desenvolvía ao longo da mañá do domingo 4 de novembro. Sen embargo, non desanimaba ao total de 103 persoas se daban cita nesta edición que contaba con ata sete probas diferentes: unha camiñata curta (16 km) e outra longa (20 km), un trail curto (16 km) e outro longo (20 km), así como con tres percorridos de BTT (un de 27 km, outro de 35 km e un terceiro de 45 km).

Os primeiros en tomar a saída dende o patio da escola da vila de Manzaneda eran os 62 andaríns ás nove da mañá, seguidos ás nove e media dos 21 ciclistas. Finalmente ás dez partían os 20 corredores. A xornada discorría sen incidencias de mención e no percorrido os participantes dispoñían de dous puntos de avituallamento no caso das citas de BTT, mentres que no trail e na andaina (cun trazado idéntico curto e longo) había un.

Para velar pola seguridade e polo correcto desenvolvemento destas activdades deportivas a organización, en mans do Concello de Manzaneda, contaba coa colaboración dos voluntarios das agrupacións de Protección Civil de Manzaneda, Petín, A Rúa e Maceda, así como co apoio da Cruz Vermella de Ourense e do grupo de moteiros triveses M10 Enduro Team.

 

Ceferino Rodríguez, que colaborou coa organización desta AdeM, na proba de BTT./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ás dúas da tarde xa chegaran a meta (tamén no patio da escola de Manzaneda) o total dos participantes e dábase paso a unha pinchada para eles e para os colaboradores no Hostal O Pendón da vila. Despois, tiña lugar un sorteo de diferentes agasallos doados por diversas empresas da zona, entre outros: 1 bono de estadía no Pazo da Pena, 1 bono de estadía na Estación de Montaña de Manzaneda, 1 bono para o Hostal As Maceiras, unha cea para dúas persoas no Hostal O Pendón (aboada por Castanval), 2 lotes de produtos de Embutidos Hervella, 3 lotes de produtos da Ladeira da Mata, 4 lotes de produtos de Bica de Raigada, 1 xamón e 1 queixo aportados por Instalacións Eléctricas Instalvima, 2 lotes de bicas de castaña da Cooperativa Amarelante e 30 chalecos reflectantes doados polo subsector de Tráfico da Garda Civil de Valdeorras.

E xusto antes do sorteo os presentes cantábanlle o “cumpreanos feliz” a dous participantes nesta cita deportiva que estaban de aniversario neste 4 de novembro. Dende a organización agradeceuse aos asistentes a súa participación nesta nova edición da AdeM, “en especial nun día no que non acompañou a meteoroloxía como foi o de hoxe”, así como ás diferentes agrupacións de Protección Civil que colaboraron, aos voluntarios da Cruz Vermella de Ourense, a todas as empresas que aportaron os agasallos do sorteo (e que aparecen no folleto publicitario da AdeM) e ao Periódico O SIL pola cobertura informativa deste evento.

Asemade faise un agradecemento especial, e así se manifestaba tamén tras a pinchada cun recoñecemento, a Ceferino Rodríguez Rodríguez, natural de Sobrado (Trives), quen desinteresadamente se encargou do deseño do circuíto de BTT, ademais de colaborar na súa marcaxe.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/a-iii-btt-de-manzaneda-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button