OurenseÚltima hora

Máis dun millón de euros para acondicionamento das principais pontes de Ourense

A conselleira de Infraestruturas achégase á cidade das Burgas para supervisar o avance das obras na Ponte do Milenio, Ponte Vella e Pasarela de Oira
Un momento da visita da conselleira á Ponte do Milenio de Ourense, acompañada polo alcalde e o director da Axencia Galega de Infraestruturas.
Un momento da visita da conselleira á Ponte do Milenio de Ourense, acompañada polo alcalde e o director da Axencia Galega de Infraestruturas.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións, Ethel Vázquez, visitou esta mañá Ourense para supervisar o avance das obras de acondicionamento nas principais pontes da cidade nas que a Xunta está a colaborar. O goberno autonómico destinou máis dun millón de euros para realizar actuacións de mellora na Ponte do Milenio, na Ponte Vella e na Pasarela de Oira co obxectivo de “reforzar a monumentalidade” da urbe e “potenciar o atractivo turístico”. Neste marco, eses foron os principais escenarios da visita de Vázquez, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Para a Ponte Vella, as Consellerías de Infraestruturas e de Cultura deseñaron un plan de posta en valor que contemplaba o mantemento, a mellora e a conservación da infraestrutura, que supuxo medio millón de euros. As actuacións incluíron a limpeza exterior, a restauración da fábrica e o encintado das xuntas. Tamén se acondicionou a calzada. Pero o cambio máis destacado foi a instalación dun novo sistema de alumeado. Segundo din dende o goberno autonómico, as novas luminarias buscan reducir a contaminación e realzar a monumentalidade da estrutura.

Na Ponte do Milenio, as actuacións inclúen o selado de fendas e a eliminación da corrosión, así como tarefas de impermeabilización e outras actuacións de conservación, como a retirada de vexetación, a canalización das augas ou a reparación do sistema de iluminación. Para esta obra, o investimento foi de preto de medio millón de euros. Comezou no pasado mes de xullo e xa leva completado o 70%. A previsión é que os traballos rematen en novembro.

No caso da Pasarela de Oira, a Xunta investiu 60.000 euros na iluminación da infraestrutura. Nesta ocasión, a previsión é de que os traballos queden rematados na primeira quincena de outubro, xa que tal e como avanzou o rexedor, só resta a acometida eléctrica.

Artigos relacionados

Back to top button