CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Máis música e gastronomía na II edición da Festa do Casco Vello do Barco

A cita organizada pola asociación de hostaleiros celebrarase do 15 ao 17 de xuño

Mantendo a música e a gastronomía como eixes, a Asociación de Hostaleiros do Casco Vello do Barco organizou para a fin de semana do 15 ao 17 de xuño, a II edición da festa que seguirá a mesma liña do ano pasado pero con algunhas novidades.

O programa arrancará o venres en torno ás oito da tarde coa apertura das casetas de comida e bebida na praza Maior ao tempo que se habilitará unha zona infantil gratuíta na praza do Sagrado. E xa ese día presentarase a primeira novidade. “Aproveitando que xogan España e Portugal no Mundial de Fútbol, decidimos instalar unha pantalla xigante que poremos na praza para que a xente que veña á festa poda desfrutar do encontro”, adiantaba Manuel Páramo na presentación do evento que tiña lugar na tarde do 6 de xuño e á que asistían os hostaleiros que participan. Seguindo coa programación do venres, para as 22h. está previsto o pregón a cargo de Xosé Luis Suárez “Sito”, dando comezo o apartado musical en torno ás 23h. Comezará coa actuación do grupo Denominación de Origen Band de Pontevedra que fai versións dos anos 80, e o prato forte chegará na medianoite con Five Strings Band, un grupo de blues e rock sureño.

De cara ao sábado, os cativos terán un especial protagonismo coa actuación do Grupo Caponato ás 18h. na praza Maior con todo tipo de animación (paiasos, música, maxia,…) continuando cos inchábeis na praza do Sagrado. Ás 20h. abriranse de novo as casetas na praza Maior e ás 22:45h. regresará a música co grupo de blues The Lakazans, pechando a xornada, The Marveltons, grupo de soul feminino de Vigo que xa estivera o ano pasado.

A terceira e última xornada (17 de xuño) arrancará ás 12:30h. coa sesión vermú amenizada polo grupo coruñés Os Piñeiros e xa ás 14:30h. comezará o xantar popular que mantén o menú (paella e costela ao forno) pero cambia de ubicación, celebrándose na praza do Sagrado “onde poremos mesas con capacidade para 300 persoas”, puntualiza Páramo, engadindo que o prezo é de 12 euros. O peche de festa será outra das novidades desta edición. En lugar de ter actuación musical pola tardiña, terana nada máis acabar o xantar (16:30h.) co grupo Os Piñeiros acompañados pola cantante valdeorresa Emma.

Con respecto ao apartado estrictamente gastronómico cada un dos bares participantes nesta edición porá un ou dous pinchos diferentes para a ocasión: no Veira Sil, bolo preñado; no Excalibur, tortilla; no San Mauro, boliña de bacallau; no Buraco, empanada de maravallas, pulga de chourizo á sidra, e pulga de xamón e queixo; no Chanfainas (novo), ensaladilla e mini burguer; e en Tati Bar, pincho Tati. Os prezos serán: pinchos a 1,50 euros; cañas e refrescos a 1,50 euros; copas a 4 euros; e o viño a 1,20 euros.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button