En portadaSanidadeÚltima hora

Máis restricións ante o agravamento da situación epidemiolóxica no concello de Ourense

Estas medidas entrarán en vigor a partir da medianoite e esténdense delimitando un sector da cidade

Vista da cidade de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras escoitar as recomendacións do comité clínico, sobre a evolución epidemiolóxica do concello de Ourense, a Consellería de Sanidade intensificará as medidas de prevención, “mantendo as vixentes en toda cidade, ampliando as áreas de especial restrición a mais rúas do barrio do Couto, onde se están a concentrar os brotes nos últimos días”, tal e como vén de informar este departamento.

En todo o sector de especial vixilancia desde esta medianoite restrínxese a cinco o máximo de persoas, non conviventes, que se poden reunir, tanto en público como en privado; limítase o aforo dos establecementos de acceso público ao 50%; non se poderá consumir no interior de bares ou cafeterías e limítase ao 50% o número de mesas nas terrazas e restaurantes.

En concreto a área na que se aplicarán estas especiais restricións, é o sector delimitado entre as seguintes rúas: Progreso (desde a Ponte Romana ata o cruzamento coa rúa Praza de Abastos); rúa Irmáns Xesta; avenida de Portugal (ata cruzamento coa rúa Irmáns Xesta); camiño Lobisome; rúa do Salto do Can; rúa Carballo; rúa Sobreira; nacional 525 (dende o cruce coa rúa Sobreira ata o cruzamento coa avenida Ribeira Sacra) e avenida Ribeira Sacra, ata a Ponte Romana. O sector delimitado inclúe aquelas nas que xa existían restriccións: Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e parte da Avenida de Portugal (dende Ervedelo á rúa Irmáns Xesta).

Segundo os datos do parte de evolución de hoxe, os casos activos na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ascenden a 602, con 43 pacientes ingresados no Hospital Universitario de Ourense, 6 deles na UCI; 13 no de Verín e 1 en Valdeorras. De todos eles o 50%, 301 casos positivos, concéntranse no Concello de Ourense.

 

Mapa da área na que se aplicarán as restricións na cidade de Ourense./ Fonte: Consellería de Sanidade.

 

 

Alto risco para a poboación maior

O informe sobre a situación epidemiolóxica da Dirección Xeral de Saúde Pública coincide co Comité Clínico, na necesidade intensificar as medidas de prevención no Concello de Ourense, tendo en conta que a media de idade das persoas afectadas é superior á do resto de Galicia, “o que a converte nunha evolución de alto risco, dacordo coa taxa de incidencia, número de cadeas de transmisión e porcentaxe de probas PCR positivas.

Nesta liña, do total de casos activos na Área Sanitaria o 24,6% son persoas maiores de 65 anos e o 14,6 superan os 80. Asemade, a mobilidade e vínculos familiares dun amplo sector da poboación da cidade, e as súas periurbanas, con concellos e localidades do resto da provincia, con reducido número de habitantes e idades avanzadas, supón un risco engadido.

Compromiso da cidadanía

Para o éxito das medidas é esencial o compromiso da cidadanía, para levar tamén ao terreo privado estas medidas, como medio para protexer aos mais vulnerables e cortar a cadea de transmisión, para elo, é imprescindible limitar os grupos e os contactos sociais limitando aos esenciais tanto a nivel social como familiar.

“Desde que comezou o reponte, a orixe mais habitual dos gromos foron xuntanzas familiares e de amigos, como celebracións como bautizos, cumpreanos, xantares polas festas patronais, etc.. con algúns focos de carácter social ligados a hostalería. Outro criterio esencial e actuar precozmente ante a detección de calquera síntoma compatible coa COVID: tose, dificultade para respirar, febre, malestar gastrointestinal ou falta de olfacto e gosto. Ante a coincidencia de dous destes signos chamar inmediatamente ao Centro de Saúde e limitar os contactos ata recibir instrucións”, resalta Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button