CulturaCulturaEntroido 2020OpiniónÚltima hora

Make Martes de Entrudio great again!

Artigo do investigador vianés Pedro Basalo Bembibre, membro da Asociación Robreda

Hai un día en todo o Entroido galego que é unha festividade sinalada, e tamén o é no Entrudio vianés: o martes. O Martes de Entrudio en Viana do Bolo é un día moi esperado, aínda que ultimamente vén perdendo forza. Sen dúbida, unha das causas é a falta de xente nas aldeas, pero, ademais, hai outro motivo de índole estrictamente local: o traslado do día festivo do Martes de Entrudio para o Mércores de Cinsa.

Está claro que o propósito de facer modificacións é intentar mellora-las cousas; así e todo, a boa fe é sempre necesaria, pero ás veces non é suficiente. O cambio de día festivo en Viana do Bolo foi unha decisión que acabou prexudicando á tradición. Por coherencia calquera festa debe celebrarse no propio día, e moito máis no ciclo do Entrudio, no cal cada xornada ten os seus ritos específicos, que non se poden nin adiantar nin aprazar.

Por cuestións deste tipo a asociación Robreda leva propoñendo varias iniciativas que procuran revitaliza-la esencia do Entrudio. Non se trata de inventar nada novo, senón de recuperar aquelas cousas que se facían para, deste xeito, preserva-lo espírito da festa (que é o verdadeiramente importante). Se agora o obxectivo é revaloriza-lo Martes de Entrudio é precisamente porque este día condensaba ata vai pouco toda a riqueza e tódalas manifestacións típicas do Entrudio: fulións, boteiros, mula, comparsas, lardeiros, fariña…

 

Fulión de Viana no Cabo da Vila un Martes de Entrudio./ Foto cedida do Arquivo de Pedro Basalo.

 

Unha vila con tanta entidade entrudieira como Viana non se pode permitir que un día grande do Entrudio, como é o martes, non se saiba con certeza se vai haber fulión á mañá para da-la ronda. O Domingo Gordo e o Martes de Entrudio son os dous días de gala e de aí que o fulión saia pola mañá acompañado dos boteiros. Ademais, tradicionalmente, en todo o concello, o martes era un día para que cada fulión ou comparsa fixera a festa na súa aldea. Por iso poñe-lo martes festivo permitiríalles ás aldeas de Viana dispor dese día para a represención das disputas, fuliadas ou tamén unhas pequenas pezas de teatro que había, nas que se parodiaban os oficios tradicionais.

No fondo, todo apunta cara ó mesmo problema: non hai xente porque o martes é un día laborable. O caso é que se se restituíra o festivo no día que lle corresponde non só se gañaría en ambiente de entrudio —porque a xente podería participar—, tamén se estaría reivindicando a tradición, porque a festa do martes facíase de tarde e abranguía ata a queima ou retirada dos lardeiros.

En resumidas contas, é preciso devolverlle a grandeza ó Martes de Entrudio. Por grande non quero dicir multitudinario nin concorrido, simplemente capaz de xerar entusiasmo, de uni-la xente e de ilusionar por igual a maiores e cativos. Se se está loitando porque se recoñeza o valor patrimonial do noso Entrudio é porque nel hai verdade. Porque a tradición non se vende. E todo pasa por volver a poñe-lo festivo o martes, xa que un día que se traballa é difícil sentilo como un día de festa. Pero a decisión non depende da vontade duns poucos; en materia de tradicións, o pobo é quen decide, por iso tódolos vianeses temos unha parte importante de responsabilidade no futuro da nosa gran festa. Que a cabeza e o corazón nos axuden a discerni-lo mellor para o futuro do Entrudio.

Artigos relacionados

Back to top button