CD RúaDeportesFútbolÚltima hora

Malestar no CD Rúa pola “ilóxica” exclusión dos alevíns do play off polo título provincial

O equipo foi o mellor segundo, pero quedaba eliminado debido ao fairplay por unha tarxeta amarela

 

Tras unha boa tempada, a pesar de ser un ano complicado, con restricións, paradas e retrasos provocados pola pandemia, o equipo alevín do CD Rúa tiña no último partido da fase regular contra o Ourense CF, un encontro clave. Se conseguían puntuar, ratificaban o segundo posto logrando o pase á semifinal polo título provincial que se xogará esta fin de semana. Polo menos esa é a teoría.

Os rapaces que adestra Ana Belén Blanco recoñecen que non fixeron o seu mellor partido pero lograban empatar e así, con ilusión, chegaban ao adestramento semanal preparándose xa para o partido contra o Pabellón (primeiro clasificado) cando se atopaban cunha noticia inesperada: non aparecen no calendario remitido pola Federación Galega de Fútbol para os play off ao quedar excluídos.

Algo sospeitaban xa pero era o propio Javier Ferrer, coordinador da base do club rues, xunto á adestradora e parte do corpo técnico, quen lles comunicaba a “inexplicable” decisión tomada pola Federación. Se ben estaban clasificados como “mellor segundo” dos 3 grupos que disputaron a fase regular, sumando 17 puntos fronte aos 16 dos outros dous segundos (Barbadás e Pabellón), eran excluídos polo fairplay (coeficiente de deportividade), debido a unha tarxeta mostrada a un dos técnicos nun dos encontros. “Esta tarxeta foi por un simple protesta ao colexiado sen perxudicar ao xogo ou aos xogadores”, puntualiza Ferrer explicando que o sistema final de clasificacións dirímese en 3 puntos: a orde da táboa, o fairplay e o número de puntos, por esta orde cando, segundo o club os puntos 2 e 3 deberían ser cambiados de orde, petición que fixeron por escrito á Federación. “Se os tres equipos tiveramos 16 puntos, nós a tarxeta e eles ningunha pois xa estaba claro, pero nós temos máis puntos por iso non se entende a decisión”, sentencia Ferrer.

 

A adestradora Ana, con Anxela e Isabel a cada lado.

 

O técnico asegura que no club están moi molestos porque se trata dun deporte de competición e todo é moi extraño. “Contabamos con que puntuando co Ourense metiámonos na semifinal pero atopámonos con esta mala sorpresa, e en quente a primeira opción era non presentar a ningún equipo a modo de protesta (os benxamíns e os cadetes si xogarán a semifinal) pero o resto de nenos non teñen culpa. O que si queremos é que se sepa na provincia o que pasou”, conclúe.

A destradora, Ana Belén Blanco, tamén amosa o seu descontento ante a nova. “Non o esperabamos, pillounos de sorpresa, porque se para o primeiro posto se miran os puntos porque para o segundo non?, non ten sentido e dános rabia máis que nada polos nenos, porque só temos tres de primeiro ano co cal é unha pena que o resto se despida da categoría así despois da tempada tan boa que fixemos a pesar das complicacións. Viñan adestrar todas as semanas e portáronse moi ben tanto nos entrenos como nos partidos. Non nos imaxinabamos quedar na cabeza, de feito nun ano complicado iamos simplemente a xogar polo que dá aínda máis pena, pero sei que estes nenos para o ano que vén seguirán dando guerra. A ver se non hai estes problemas e podemos competir”, asegura.

 

Jose, o pai dun dos xogadores do equipo alevín do CD Rúa.

 

Os xogadores non quedan atrás e tanto a capitana, Anxela, como Isabel contan que están molestas. “Aínda que non fixeramos moi bo partido estabamos moi contentos de pasar e cando nos enteramos eu leveime un chasco. A min persoalmente amólame porque pensaba xogar un partido máis en alevíns xa que o ano que vén xa paso a infantil pero non será así”, di Anxela, mentres Isabel (dos poucos de primeiro ano en alevín) está enfadada porque “levabamos moitos partidos ganando por goleada e por unha tontería que non souberon entender quedamos eliminados. Non é xusto”.

Máis que tristeza o que sinten os pais é indignación. Polo menos así o transmite José para quen a única explicación é que Valdeorras queda lonxe, “e que non queren vir xogar aquí polo que deciden xogar entre os dous equipos que quedan sen saír da capital. Se queren facer iso que o fagan e que poñan unha liga aparte para o foráneos pero xa estamos fartos de que rían de nós. O meu fillo leva competindo desde prebenxamín e sufrímolo en varias ocasións”, asegura, recoñecendo que con todo o sacrificio que fan (indo a Ourense cada quince días a competir co que iso implica) “que lles quiten nunha oficina o que merecen no campo é moi feo e non ten ningunha lóxica”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button