CulturaCulturaÚltima hora

Mañá inaugúrase en Santa Leonor (Trives) unha exposición de arte nacida en Manzaneda

A mostra RECUPERART, de Joaquim Riera, pode visitarse ata o 18 de agosto
O artista catalán Joaquim Riera veranea en Manzaneda dende hai 40 anos.

“Cun pouco de imaxinación e aproveitando os volumes e texturas de materiais como cartón, caixas de ovos, plásticos, latas ou circuítos impresos, pódese realizar traballos verdadeiramente sorprendentes e facer un novo estilo de arte en tres dimensións”, asegura Joaquim Riera, pintor, deseñador gráfico e ilustrador catalán que expón neste mes de agosto na sala de exposicións de Santa Leonor, na Pobra de Trives.

Dende a súa graduación en Artes Aplicadas na Escola Massana de Barcelona, hai máis de 30 anos, Joaquim traballa como deseñador gráfico. Iniciouse no mundo da ilustración coa técnica do aerógrafo, conseguindo traballos hiper-realistas, que máis tarde coa chegada das novas tecnoloxías, substituíu por programas como Photoshop e Illustrator.

 

Cartel da exposición RECUPERART.

Actualmente, desde o verán do 2012, está a traballar unha nova técnica de recuperar materiais para realizar obras de arte, que dá nome á súa exposición RECUPERART que nacía en Manzaneda, onde o artista pasa os veráns desde hai máis de corenta anos. Na mostra presenta 20 cadros elaborados con materiais moi diversos (dende un dente dunha cremalleira ata un palet); e 20 esculturas feitas con madeiras recuperadas da propia natureza nas cales ensambla ferros, obtendo como resultado orixinais figuras.

RECUPERART está xa aberta dende o 2 de agosto pero será mañá, xoves día 8 ás 19 horas, cando se inaugure de forma oficial, contando coa presenza do propio autor que explicará aspectos da súa obra tales como os materiais empregados ou o significado das pezas.

Artigos relacionados

Back to top button