Concellos

A Mancomunidade ourensá contará cun obradoiro de emprego que iniciará en setembro

O programa, que ofrecerá as especialidades de xardinería e albanelería, beneficiará a unha vintena de veciños dos municipios integrantes
Un momento da reunión que Díaz Mouteira mantivo cos integrantes da Mancomunidade da comarca de Ourense.
Un momento da reunión que Díaz Mouteira mantivo cos integrantes da Mancomunidade da comarca de Ourense.

O obradoiro de emprego que a Xunta concedeu á Mancomunidade de Concellos da comarca de Ourense botará a andar o vindeiro mes de setembro e contará cunha achega de 180.000 euros. Así llo trasladou onte a delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, aos representantes dos dez municipios integrantes: Paderne de Allariz, Maceda, Baños de Molgas, Nogueira de Ramuín, Esgos, San Cibrao das Viñas, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo. En total serán 20 as prazas que se ofertarán no programa, que contará coas especialidades de xardinería e albanelería.

“Terra de Mosteiros 2016” é un dos 20 talleres que o goberno autonómico destinou este ano para a provincia de Ourense. En total serán 400 os beneficiarios que poderán formarse e aprender nestes programas mixtos, que combinan clases teóricas con prácticas.

Neste caso, as principais actuacións que levarán a cabo os alumnos deste obradoiro será a restauración das pontes sobre o río Arnoia, no concello de Molgas; a ampliación da Escola Municipal de Música, en Maceda; o acondicionamento da Casa do Mármore, en Xunqueira de Ambía; e o acondicionamento e mellora dos lavadoiros de diferentes parroquias. Desenvolverase ao longo de seis meses.

O obxectivo desta iniciativa que se xestiona a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria é “dar formación a persoas desempregadas para que logren reinsertarse laboralmente”, explicou Díaz Mouteira.

Artigos relacionados

Back to top button