SanidadeÚltima hora

Manifestación en defensa da sanidade pública no Barco o 19 de marzo

Ademais de na vila valdeorresa haberá tamén un acto reivindicativo na capital da provincia ese mesmo día

Membros da Xunta de Persoal do HCV co cartaz da manifestación./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Membros da Xunta de Persoal do HCV co cartaz da manifestación./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Dende o Hospital Comarcal Valdeorras (HCV) ata a praza de Andrés de Prada. Este será o traxecto que percorrerá a manifestación que se celebrará o vindeiro 19 de marzo ás oito da tarde no Barco. Será un dos actos reivindicativos que se desenvolverán nesa mesma xornada en toda Galicia, convocados pola Plataforma SOS Sanidade Pública. Na provincia de Ourense tamén haberá outra manifestación ou concentración na capital.

“Queremos reconquistar ou voltar a uns parámetros de benestar. Grazas ás políticas do presidente da Xunta estamos en retroceso, e máis no oriente ourensán. Como viñamos dicindo tanto dende a plataforma sanitaria como dende a Xunta de Persoal do hospital, coa xestión integrada estamos dando pasos cara atrás. E o tema do TAC tamén vemos que non se vai a cumprir”, comentaba Víctor Pariente, dende a Xunta de Persoal do HCV. Neste senso, Pariente concluía que a situación da sanidade en Galicia “é preocupante. Non hai ningún motivo para o optimismo, nin ningún tipo de investimento para oriente ourensán e iso vese simplemente con botar un vistazo ao Diario Oficial de Galicia, todo o diñeiro vai para o Hospital 2050 de Ourense”.

Por iso dende a Xunta de Persoal do HCV animan aos veciños das comarcas de Valdeorras, Trives e Viana a sumarse a esta manifestación cuxo lema é “Os recortes matan. Non ao negocio coa saúde”.

Artigos relacionados

Back to top button