ConcellosO BarcoÚltima hora

Manifestos a prol da igualdade na celebración do 8M no Barco

Este mediodía tiña lugar unha concentración na praza do Concello como acto central da programación

 

A praza do Concello do Barco convertíase ás 12h. deste 8 de marzo no escenario do acto central da programación do Día Internacional da Muller. Nela tiña lugar unha concentración no decurso do cal alumnas lían declaracións dos institutos de ensino secundario barquenses IES Lauro Olmo, IES Martaguisela e tamén do Colexio Divina Pastora.

A continuación, o concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, anunciaba que se abrían os micrófonos para todo aquel que quixese a intervir, tomando a palabra dúas representantes do sindicato CCOO en Valdeorras, así como outras dúas mozas barquenses.

 

 

Finalmente, a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, daba lectura ao manifiesto elaborado polo Concello do Barco con motivo do Día da Muller, e cuxa redación foi consensuada con todos os partidos políticos que integran a Corporación. “Cada 8 de marzo, o Concello do Barco de Valdeorras únese activamente a esta xornada mundial de loita e reivindicación que é o Día Internacional das Mulleres, para reafirmar que a igualdade entre mulleres e homes debe vertebrar a nosa acción política e a nosa vida social”, comezaba dicindo o manifesto.

 

 

Ademais, nel tamén se asegura que “a igualdade é unha cuestión de calidade democrática e tamén de benestar para as persoas. Pero ese benestar non pode producirse só a costa dunha parte da sociedade. As mulleres non somos un colectivo, somos a metade da humanidade, e por tanto, a desigualdade e a opresión que sufrimos por ser mulleres golpea directamente ao corazón das nosas democracias e impide o desenvolvemento pleno da nosa condición de cidadanía”.

Fotos: A.R.

 

 

O texto finalizaba apuntando que “o Concello do Barco, os seus grupos políticos con representación nel, somos conscientes de todo o camiño que queda por percorrer ata a igualdade plena e efectiva das mulleres. Con compromiso e traballo seguiremos avanzando na conquista e defensa dos dereitos das mulleres. Máis feminismo, mellor democracia¡”.

Artigos relacionados

Back to top button