SanidadeÚltima hora

Mantense o nivel 2 de alerta por calor en Valdeorras

Espérase que o calor remita na xornada do venres 5 de agosto, segundo a Xunta

Foto: A.R.

 

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, vén de actualizar a información sobre a situación de alerta por episodios de calor:

1.- Continúa o nivel 2 de alerta por episodio de calor na seguinte zona:

• Valdeorras (O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras), coa previsión de que o episodio remita na xornada do venres, 5 de agosto.

2.- Permanece o nivel 1 de alerta por episodio de calor nas seguintes zonas durante 1 día, remitindo dende o mércores segundo as estimacións actuais:

•Resto de concellos da provincia de Ourense.

•Interior de Pontevedra (Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces)

Descenso xeneralizado a partir de mañá

A pesar de que continúa a presencia dunha masa de aire moi cálida sobre a Península, hoxe a entrada de brétemas costeiras no litoral atlántico-sur suavizará as máximas pero continuarán elevadas en gran parte do interior. A partir de mañá mércores, prevese a retirada cara ao leste da masa de aire cálida provocando un descendo xeneralizado das temperaturas. Así, os valores das temperaturas quedarán propios do verán, en xeral, sendo aínda elevadas no sueste do territorio

Sistemática de intervención

O Comité de Plan de Calor está formado, ademais de pola Consellería de Sanidade e polo Sergas; pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; e polas Consellerías de Política Social e Xuventude; e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Este plan, que está operativo dende o 1 de xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás altas temperaturas, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, ademais, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta establecidos. Por outro lado, establece as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.

Neste plan, os medios de comunicación e toda a cidadanía e organismos que constitúen a rede social de apoio existente á poboación máis vulnerable, son pezas básicas para evitar na maior medida posible danos á poboación.

Recomendacións

Sanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é convinte facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual. de 2022.

Artigos relacionados

Back to top button