ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Manualidades entre nenos e avós, na Biblioteca de Verín

Esta actividade xeracional, desenvolvida na tarde do 7 de outubro, levaba por título “Ti tamén chegarás a vello”

Rodeados de lapis, tesouras ou pegamento, avós e netos compartían actividade nunha das salas da Biblioteca Municipal de Verín. Un traballo compartido no marco do obradoiro “Ti tamén chegarás a vello”, promovido dende a Área de maiores dos Servizos Sociais Comunitarios e a Biblioteca. Tiña lugar na tarde do 7 de outubro e consistía nunha manualidade conxunta (nenos e avós).

Despois, mentres os cativos asistían a un contacontos posterior, as persoas maiores tiñan lectura e charla-coloquio sobre diversos temas. A tarde concluía co reparto das manualidades realizadas que “simbolizarán a solidariedade e compromiso de coidado que atestiguan os cativ@s cara os seus ancestros”.

Esta actividade estaba dirixida a 20 socios/as da Biblioteca, de 3 a 9 anos, e os seus correspondentes avós, e lévase realizando dende fai 4 anos. “Precisamos estar a carón das persoas maiores para ter conciencia da súa valía, do seu esforzo diario no coidado dos cativos, o espírito altruísta na súa economía, o sacrificio en horas de axuda os seus pais e nais dependentes, en definitiva, son o engranaxe vital no que se sustenta a “poboación activa”. Por todos estes motivos e moitos máis, debémoslle dar unha visibilidade a todo ese esforzo e agradecer, aínda que sexa dun xeito sinxelo, a súa constancia”, indican dende a organización da actividade.

Asemade destacábase a importancia de “traballar arreo na procura dun cambio cultural e social cara os maiores da bisbarra de Verín é un dos obxectivos de éxito cara o futuro inmediato. A sociedade terá que por en valor a este colectivo como recurso humán activo e capaz porque así o está amosando a realidade cotiá”.

Fotos cedidas pola Biblioteca Municipal de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button