OurenseÚltima hora

Manuel Baltar asume a presidencia da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa

A asemblea xeral da rede termal mundial, integrada por 51 territorios de 17 nacións, elixiuno por unanimidade como máximo responsable da EHTTA

Manuel Baltar, presidente de EHTTA, cos vicepresidentes Lorenzo Lucchini, Eric Brut e Hugo Oliveira.

 

A asemblea xeral da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA) elixía, na mañá do 10 de outubro e por unanimidade, ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, como novo presidente desta entidade termal mundial, integrada por 51 territorios de 17 países.

No acto, celebrado na cidade belga de Spa, Baltar agradeceu a confianza outorgada pola asemblea pola “honra e a responsabilidade que supón presidir esta organización, para desenvolver un labor fructífero en favor do termalismo europeo”, dixo.

Manuel Baltar, a quen acompañan como vicepresidentes no equipo directivo Eric Brut, de Francia, Hugo Oliveira, de Portugal, e Lorenzo Lucchini, de Italia, márcase como obxectivo “destacar a importancia do termalismo na construcción da nosa identidade europea” e concienciar ás institucións comunitarias e aos grupos políticos do Parlamento Europeo “sobre a necesidade de implementar e apoiar as políticas termais, así como promover as vilas termais de Europa como dinamizadoras económicas, sobre todo nas zonas máis rurais”.

Como recén nomeado presidente da EHTTA, Baltar remarcou a importancia do termalismo “como eixo estratéxico de desenvolvemento”, colocándoo como unha aposta prioritaria na súa acción de goberno, e citou como exemplo o plan “Ourense, a provincia termal”, “unha iniciativa que levamos a cabo desde a Deputación de Ourense implicando a outros gobernos, planificando actuacións e fixando un cronograma de cumprimento”. Tamén destacou a cooperación cos 20 concellos termais na provincia de Ourense, e a innovación que supuxeron o “termalismo social”, e o “termalismo deportivo”, así como o acordo co Goberno de España para acceder por tren a Ourense desde 40 capitais para desfrutar dos balnearios. “É unha realidade cuxo éxito se vei completado co uso, cen por cen, da administración electrónica: en menos de 3 minutos, sen un só papel, adxudicamos a praza nos nosos balnearios”, dixo.

De cara ao futuro, Manuel Baltar subraiou o revulsivo que suporá o AVE, situando á provincia de Ourense a pouco máis de dúas horas de Madrid, e avanzou propostas de turismo e promoción internacional como “A Ruta Termal do Camiño de Santiago”, aproveitando o Ano Santo 2021, e apuntou a proposta de “negociar na ONU que se estableza a conmemoración do Día Mundial do Termalismo”.

 

Artigos relacionados

Back to top button