OurenseÚltima hora

Manuel Baltar destaca o papel “ao servizo da cultura” do Liceo nunha visita

O presidente da Deputación visitou esta entidade cultural acompañado polo seu presidente, Xabier Casares e o vogal de Relacións Institucionais, Manuel Martínez
Manuel Baltar, asinando no Libro de Honra do Liceo en presenza de Xavier Casares.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou na mañá do 30 de xaneiro o Liceo de Ourense, onde foi recibido polo seu presidente, Xavier Casares; o xerente, José Luis Troitiña, e o vogal de Relacións Institucionais, Manuel Martínez Rapela, con quen percorreu as dependencias desta emblemática entidade cultural.

“Estamos na sede dunha sociedade senlleira que cumpre en 2018 os seus 168 anos ao servizo da cultura da provincia de Ourense e a disposición sempre dos ourensáns”, afirmou o presidente do goberno provincial destacando que o Liceo “é unha entidade capital na construción da identidade de Ourense e de Galicia, polo cal a Deputación colabora, e o seguirá facendo, con este emblema da nosa cultura”.

Manuel Baltar referiuse á colaboración que vén mantendo a Deputación de Ourense co Liceo para cooperar no seu funcionamento e para levar a cabo melloras en servizos e infraestruturas do edificio que alberga desde 1870 a súa sede –o Pazo de Oca-Sarmiento, inmoble declarado Ben de Interese Cultural e cuxa construción data do ano 1570-. “O Liceo segue, como fixo desde os seus inicios, impulsando a evolución social e cultural da provincia de Ourense, e para a Deputación e unha obriga colaborar con esta entidade como o vimos facendo e como acontecerá tamén en 2018, ano no que a institución provincial contempla unha partida nos seus orzamentos destinada a realizar traballos de mellora neste edificio, unha xoia a disposición de todos os ourensáns”.

José Luis Troitiña, Xavier Casares, Manuel Baltar e Manuel Martínez Rapela.

O presidente da Deputación remarcou seu agradecemento polo convite por parte da directiva do Liceo para visitar oficialmente as súas instalacións, e tamén por formar parte como socio desta entidade, visita na que asinou no Libro de Honra e destacou “o importante dinamismo que amosa nos últimos anos o Liceo, con máis de 380 actos culturais, mantendo vixente a reivindicación de Ourense como berce e pouso da cultura de Galicia”.

Xavier Casares agradeceu a visita ao presidente da Deputación e a cooperación por parte da institución provincial, “unha colaboración que nos permite seguir mellorando as nosas instalacións, co obxectivo de continuar ofrecendo á sociedade ourensá actividades como conferencias, concertos e exposición, que fomenten a nosa identidade cultural”, e citou como exemplo as tertulias literarias que nos próximos días terán lugar no Liceo.

A colaboración económica da Deputación de Ourense fixo posible nestes últimos anos que se levase a cabo a rehabilitación do claustro da segunda planta do edificio -utilizado para exposicións-, así como a Sala de Tertulia –destinada a actividades culturais e sociais- e tamén a realización de melloras na carpintería exterior do inmoble.

Artigos relacionados

Back to top button