PolíticaÚltima hora

Manuel Baltar: “Este é o nacemento dunha nova etapa do PP”

Vén de ser reelixido presidente do PP de Ourense ao lograr o 99,24% dos 662 votos emitidos no Congreso provincial que esta formación política celebraba nesta fin de semana na cidade das Burgas

 

Cun total de 657 votos a favor, o que supón un 99,4% dos sufraxios emitidos (houbo 5 votos en branco e 0 nulos), Manuel Baltar resultaba reelixido presidente do PP de Ourense no 18 congreso provincial deste partido, celebrado na cidade das Burgas neste domingo. “Esta porcentaxe é un apoio parello ao que significa este proxecto político para Ourense. Por iso a primeira palabra a pronunciar é grazas”, dicía Baltar tras escoitar os resultados da votación e ser proclamado presidente, xunto a figuras do PP como Teodoro García Egea, secretario nacional; Alberto Núñez Feijóo, presidente do PPdeG e da Xunta; ou Fernando López Miras, presidente popular de Murcia. “Este é o apoio masivo é resultado dun traballo, dunha candidatura, o inicio dunha etapa para conquerir éxito no futuro”, engadía.

Para Manuel Baltar “este é un partido con mensaxe, é o partido da unidade, da estabilidade, que sabe o que fai e fai o que sabe” e “volver a presidilo é unha satisfacción absoluta, hai máis ilusión, máis ganas e hai un equipo fantástico”, destacando dentro deles os nomes de Rosendo Fernández e de Ana Villarino. “Son 105 persoas, o 70% cargos locais, cunha media de idade de 48 anos”, aseguraba, “somos a única organización cuxa maioría absoluta no comité executivo son mulleres”.

 

 

Ademais, Baltar matizaba no acto de clausura do cónclave que este é “o nacemento dunha nova etapa do PP na que nos imos esquecer dos éxtitos electorais anteriores do partido” para fixarse un reto central: as eleccións municipais do 28 de maio. “Quedan 619 días para esa cita na que o PP ganará nos 92 concellos da provincia, na entidade menor de Berán e teremos maioría absoluta na Deputación”. O presidente do PP ourensán incidía en que “somos o partido da provincia porque ganamos sempre en todas as eleccións, con récords nas xerais, nas autonómicas e nas europeas, fáltanos o reto de superar as 78 alcaldías do 28 de maio de 2023”. Polo tanto, concluía, “empezamos un partido novo, cun novo equipo e cun novo campo. O lema deste congreso é Ourense Camiña, pois ben o Camiño é Ourense.

A continuación, tomaba a palabra o presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez, quen apuntaba que “pechamos un proceso exemplar” e que, trala celebración dos congresos, o partido é máis aberto e está máis forte e mellor preparado. Así mesmo indicaba que o reto do partido agora é “volver a ilusionar á xente para sacar mellores resultados. Este partido ten que volver a goberno a cidade de Ourense, ten que volver a gobernar Verín, Xinzo de Limia, Celanova, Ribadavia, a comarca de Valdeorras… e sacar unha folgada maioría absoluta para gobernar na Deputación de Ourense”.

O congreso clausurábase coa intervención de Teodoro García Egea.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button