OurenseÚltima hora

Manuel Baltar, reelixido por unanimidade presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi reelixido por unanimidade presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA), no transcurso da asemblea xeral que a rede termal celebrou hoxe na localidade catalá de Caldes de Montbui. Un novo mandato de especial significado en tanto que, por primeira vez na historia da asociación, duplicará a súa vixencia ao pasar de dous a catro anos abarcando o período 2022-2026.

Tras a reelección, Manuel Baltar expresou o seu “agradecemento e satisfacción por esta decisión unánime, consecuencia directa do traballo realizado desde que fun elixido presidente por primeira vez”, elección que tivo lugar en outubro de 2019 na cidade belga de Spa, ocupando ata entón a vicepresidencia da asociación, á que accedeu dous anos antes na asemblea celebrada en Loutraki (Grecia).

Baltar subliñou que a nova presidencia comeza “nun momento crucial, coa vista posta na pospandemia e no impulso á promoción dos lugares e cidades con balnearios”. Novas oportunidades, dixo, “froito das sinerxias e o traballo en rede das 18 nacións que conformamos esta asociación, pero tamén das novas oportunidades que nos ofrecen as alianzas con outros continentes e a nosa condición de Itinerario Cultural do Consello de Europa”.

Na súa intervención por vía telemática como candidato, previa á votación, Manuel Baltar incidiu no crecente ritmo, importancia e dinámica de traballo da EHTTA “que incrementou a responsabilidade dos órganos de dirección”, agradecendo neste punto a disposición dos membros da asociación que se ofreceron a participar no comité executivo. Tamén tivo palabras para destacar o traballo dos dous vicepresidentes que lle acompañaron ata o momento, Eric Brut e Lorenzo Lucchini, “listos para continuar nas súas funcións”.

Ourense, capital mundial do turismo termal

Todos estes factores, engadiu Baltar, “fan que esta elección unánime sexa un motivo máis para seguir traballando con maior ilusión”, pero sobre todo polo “plus de visibilidade termal no exterior que supón para Ourense” e que se multiplicará este ano coa organización do Congreso Internacional de Turismo Termal, do 27 ao 29 de setembro, “consecuencia directa da presidencia da asociación”.

Para o presidente da Deputación e da EHTTA é “todo un orgullo obter o respaldo da Organización Mundial do Turismo (OMT) para esta importante conferencia, que supoñerá un gran avance para manter a atención sobre o termalismo e a nosa asociación, como membro afiliado da OMT”.

Centrándose no turismo, o patrimonio e a experiencia, o congreso destacará a importancia dos destinos termais, non só como lugares para satisfacer as necesidades dos viaxeiros, que cambiaron tras a pandemia, senón tamén polo seu enorme potencial como destinos sostibles.

Ata o momento son doce os socios que confirmaron o seu apoio a esta cita, entre eles a Deputación de Ourense, Inorde, Concello, Xunta de Galicia e Goberno central polo que respecta a España. O evento arrincará coincidendo coa celebración do Día Mundial do Turismo e prevese que teña como escenarios o propio Pazo Provincial, dada a súa futura transformación nun hotel balneario de referencia en Europa, o Teatro Principal da cidade e Expourense, recinto onde nesas datas celebrarase o salón internacional de Termatalia.

Novos membros de EHTTA

Na súa reunión de hoxe, a asemblea xeral da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais fixo balance das actividades realizadas en 2021 e revisou as iniciativas deseñadas para este ano, como a promoción das cidades termais como destinos para viaxes en tren ou o lanzamento da campaña “Viaxes termais: Mergúllache na cultura do Spa de Europa”.

Ademais aprobouse a incorporación de catro novos membros: os lugares de Lipik e Varaž dinske Toplice (Croacia); Telese Terme (Italia); e Paços de Caldas (Brasil), cuxos representantes recibiron unha placa que certifica o seu ingreso na rede termal e a quen Manuel Baltar tamén se referiu dándolles a benvida “nun ano extraordinario para a nosa asociación, que avanza a toda velocidade”.

Artigos relacionados

Back to top button