PolíticaÚltima hora

Manuel Cabezas, novo presidente da xunta local do PP na cidade de Ourense

Publicidade

 

Manuel Cabezas asumía esta mañá a presidencia da xunta local do PP da cidade de Ourense ao lograr o apoio do 95,80 % dos compromisarios no congreso local extraordinario que se celebraba nestes sábado no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Cabezas estará acompañado por unha executiva integrada por máis de medio centenar de persoas co obxectivo de “abrir un novo ciclo e volver facer de Ourense un proxecto común para todos”, explicou o xa presidente da xunta local, arroupado neste cónclave popular polo presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, e pola secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado.

 

 

 

Manuel Cabezas remarcou que deu este paso arroupado por “veciños, simpatizantes, militantes, presidentes de distrito e despois de conversar en numerosas ocasións con Manuel Baltar, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo”. O presidente da agrupación local do PP de Ourense quere un partido “amplo, transversal, no que cabemos todos” e por iso avanzou que “traballarei e dialogarei” cada día con todas as persoas que “crean que son útiles para o partido e para Ourense. Necesito que dean este paso, porque os necesito a todos”.

O novo presidente da xunta local define ao PP de Ourense como un partido de goberno, de maiorías absolutas. “É un gran reto recuperar esta maioría, pero non é imposible. Co traballo de todos teceremos un proxecto de cidade coa mesma enerxía coa que arrincamos en 1995, e na que obtivemos uns resultados excepcionais. Construiremos de novo este escenario, recuperaremos esta ilusión”.

 

 

Cabezas repasou o balance da súa xestión realizada entre 1995 e 2007 polo seu equipo, cos principais fitos, e contrapuxo ese traballo fronte á actual situación da cidade: “Dóeme a situación actual de Ourense, esta deterioración. É un desafío, pero reverterémolo. Volveremos facer de Ourense un proxecto común para todos”.

Manuel Cabezas destacou o cambio de ciclo e a necesidade dunha política útil. “Só quero o progreso para esta cidade. A política municipal pisa agora mesmo terreo enfangado. Esta fórmula só leva ao desastre, e non podemos contribuír a iso. Eu non o farei. Só empregaremos as nosas enerxías para construír”. Destacou que “cambiaremos as cousas, recuperemos o tempo perdido. Non é sinxelo. Por iso pídovos o voso apoio. Devolvamos á política, pero sobre todo á cidade, a moderación, sensatez e xestión. Construamos un gran partido, co que desenvolvamos unha cidade para sentirse orgullosos. Sabémolo facer, fixémolo, e volverémolo a facer”.

 

Baltar: “Comeza o camiño polo que o PP recuperará a maioría na cidade de Ourense”

Na clausura do congreso o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, afirmou con contundencia que “hoxe é unha data histórica. Comeza o camiño polo que o Partido Popular recuperará a maioría no Concello de Ourense, co mellor alcalde que nunca coñeceu esta cidade”. Tamén hoxe, engadiu, Manuel Cabezas estréase como presidente a nivel orgánico, “liderando na cidade un partido que é o partido de Ourense, o que mellor representa a todo o territorio ourensán e que sempre gaña as eleccións a nivel provincial”.

 

 

 

Manuel Baltar lembrou que, con tres maiorías absolutas consecutivas, o novo presidente da xunta local de Ourense “foi capaz de transformar a cidade con proxectos que tiveron moitísimo impacto e relevancia na historia da capital”, sinalando que agora “poñerá en marcha de novo un proxecto de todos, con este equipo ilusionante que o acompaña”. Cualificou ao presidente electo do Partido Popular na cidade como “a renovación, pero renovación coa experiencia acreditada da magnífica xestión que lle deu a Ourense”.

Para o seu proxecto, Manuel Cabezas contará cun partido “cuxa forza reside no apoio masivo capaz de xerar gobernos rigorosos, suficientes, con maiorías absolutas, ambiciosos e sempre desde a moderación”. O obxectivo, afirmou, “é volver a esa etapa para darlle a Ourense a oportunidade de contar cun goberno serio e con retos a conseguir”.

 

 

Paula Prado: “Os ourensáns esperan encontrarse a un PP máis preparado e forte”

Tamén interviña na clausura Paula Prado, quen aseguraba que “non hai mellor persoa que Manuel Cabezas para recuperar o orgullo de ser ourensán”, lembrando que “doce anos de alcaldía só poden significar unha cousa: ti es o primeiro que está orgulloso de esta cidade, e estou segura de que por ese mesmo motivo queres que recupere a luz, a ilusión e o sentidiño da cidade que merece ser”.

Sobre isto, explicou que este orgullo só o pode recuperar o PP dun xeito, “gañando e facéndoo cunha ampla maioría”. Así mesmo, recordou que os congresos “non son o final de nada, senón o principio de todo”, polo que, desde mañá, “os ourensáns esperan encontrarse a un Partido Popular máis preparado, máis forte e máis capaz de ofrecerlles un gran goberno”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button