ConcellosEntroido 2021Última horaViana do Bolo

Manuel Domínguez, un dos fundadores da Festa da Androlla de Viana, lembra a orixe deste evento

Manuel Domínguez Fernández./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Como un xantar de catro amigos durante o Entroido. Así botaba a andar hai máis de medio século a Festa da Androlla de Viana do Bolo, o referente gastronómico do Entroido vianés que nos últimos anos reunía a unhas 3.000 persoas sentadas (entre o pavillón e unha carpa instalada á súa beira).

Eses catro comensais iniciais eran Neftalí Prieto (quen fora alcalde de Viana), Tono Ávila (Tono de don Federico), Ricardo Villasante (Caco) e Manuel Domínguez Fernández (Azucarillo), tal e como conta este último, o único que aínda vive. “Eramos a pandilla de sempre”, di.

Con 93 anos, Manuel Domínguez lembra con humor, xunto ao seu fillo, como foi aquel primeiro xantar da androlla neste Domingo Gordo no que a festa se viu interrompida pola pandemia do Covid. Comenta que se escollera o tempo do Entroido para organizala aproveitando a proximidade das matanzas. Tono e Caco, que tiñan daquela unha chacinería en Viana, elaboraran este embutido tan especial que compartían aquel primeiro ano da festa no chamado “casino”, o Club Náutico Vianés.

 

 

A partir de aí o número de comensais da Festa da Androlla non deixou de medrar e do xantar ocupouse o Cambey. A necesidade de seguir ampliando o aforo do banquete fixo que se trasladase despois ao comedor do daquela colexio de EXB. Alí foi crecendo tamén e, ademais do comedor, ocupou o ximnasio do centro. Finalmente, levouse ao polideportivo de Viana, onde se vén facendo nos últimos anos.

Neste Domingo Gordo debería terse celebrado a 51ª da Festa da Androlla, que queda en suspenso ata o vindeiro ano. Unha multitudinaria citas cuxas orixes recordamos nesta data da man dun dos seus promotores.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button