CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Manuel Gago: “Os traballos de xente como Fraguas deron lugar a que Galicia tivese unha identidade moderna”

Este xornalista cultural e profesor da USC impartía no Barco o 10 de maio a conferencia “O patrimonio cultural de Galicia: da herdanza de Antonio Fraguas ao futuro”

“Antón Fraguas dicía que os ríos eran camiños que andan, e o Sil é un camiño moi andadeiro, que transporta moitas cousas”. Manuel Gago, xornalista cultural e profesor da Universidade de Santiago,  principaba deste xeito a conferencia que pronunciaba na tarde do 10 de maio na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco. Nela abordaba a figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano 2019, poñéndoa en relación co patrimonio cultural de Galicia

“Dende o seu Cotobade natal, Antón Fraguas comezou a construír unha idea da etnografía de Galicia, asumiu que o seu traballo era un traballo de cronista, o dun secundario de luxo”, aseguraba Gago. E incidía en que “para nós Fraguas é importante porque funcionou como unha ponte entre dous mundos: o da Xeración Nós e o das xeracións da democracia, que conformaron a Galicia autonómica. Participou na construción dunha determinada idea de Galicia”.

Gago resaltaba que unha das funcións do patrimonio cultural “é darnos unha identidade, sitúanos nun mundo e vístenos. E os traballos de xente como Fraguas deron lugar a que Galicia tivese unha identidade moderna”. Lembraba ademais, entre outros aspectos, o seu papel como promotor do Museo do Pobo Galego, “un museo etnográfico que se centra no acervo da investigación que fixeron os etnógrafos dese momento”.

Gago era presentado pola concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, quen ademais falaba da importancia da data das Letras Galegas. Con esta conferencia abríase no Barco a “Semana das Letras”, que incluirá outras actividades como a proxección do filme “Trinta lumes” de Diana Toucedo, con dous pases o 15 de maio no Teatro Lauro Olmo. Xa o 16 de maio Caxade ofrecerá un concerto ás 20:30h. na praza Maior.

E, un ano máis, a praza do Concello do Barco acollerá o 19 de maio o Maratón Literario da man de Vagalume. Está previsto que comece a partires das once da mañá.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close