EntrevistasÚltima hora

Manuel López: “A finalidade das covas era a conservación do viño”

Vilamartín está sementado de adegas soterradas que cumprían unha función clave décadas atrás, xa que só se vivía do viño e dos enxertos. Así o explica nesta entrevista este coveiro, que herdou a adega do seu avó

 

Manuel López, degustando un tinto no cano da súa cova, que abre ao público cada ano con motivo da Festa das Covas de Vilamartín.

 

Unha “cova é un auténtico tesouro”, afirma con sentimento o vilamartinés Manuel López Fernández. Un tesouro que se remonta a séculos atrás, herdado de xeración en xeración, e que constitúe a memoria viva do estreito e antigo vínculo de Vilamartín coa cultura do viño. Chegou a haber tantas adegas soterradas como veciños nesta vila. Ese valioso legado compártese cada primeiro sábado de agosto, dende hai xa 23 anos, con milleiros de visitantes na Festa das Covas. E a de Manuel López é unha das 50 que se abren ao público nese día especial. “Hai moitas persoas interesadas e que che preguntan por como se fixeron, como era o proceso de elaboración do viño… Séntese un moi ben de ver aos participantes contentos e desfrutando. Eu teño ido a moitas festas, pero non vin ningunha na que a xente e os mozos desfruten tanto como na das covas de Vilamartín”, destaca.
O vindeiro 3 de agosto, xarra en man, agasallará de novo aos visitantes da súa cova, situada na zona do Mirador, cos seus viños e a súa amable e agradable conversa.

¿Cando e por que se construíron as covas de Vilamartín?

Datan de máis de 200 anos e a súa finalidade era a conservación do viño a 10-15 m de profundidade. Na parte á que nos chamamos cova ou cubo a temperatura sitúase entre 12 e 6 graos. Aí o viño facíase e conservábase en grandes cubas de madeira ata que se vendía. Outra razón de ser das covas era que antes non había neveiras e para ter o viño fresco había que ir buscalo alí todos os días cunha botella ou cun garrafón, segundo como fora a familia de grande.

¿Cales son as partes dunha cova de Vilamartín?

Comprende unha zona chamada antebodega, que é como o comedor dunha casa, e servía para comer e pasar as tardes de verán e tamén de inverno. Un dos costumes dos nosos avós e pais era facer da cova un lugar de tertulia case todos os días e os sábados e domingos esas tertulias ían acompañadas de merendas de amigos e familias. Ademais na antebodega en tempos facíase a augardente, outra bebida moi importante na zona, pero isto non era posible en todas as covas, só nas que tiñan a antebodega máis grande. E tamén nela preparábanse os enxertos porque alí deixabas a puga cortada. Dende que podabas ata que facías a enxerta pasaban dous ou tres meses e aí estaba fresca. E, despois, cando facías os enxertos deixábalos na cova e ao día seguinte pola mañá ías enterralos.

¿Que máis partes ten?

Logo está o cano, que une a antebodega co cubo. O cubo ten un respiradoiro en forma de cono que pode estar a uns 10-15 metros de altura. Isto significa que o viño conservábase a 15-20 m de profundidade e isto permitía que se pagase a máis prezo que noutras partes da comarca, xa que podía venderse máis feito.
Unha vez que remataba á vendima, ¿cal era o proceso na cova?
Primeiro pisabas as uvas. Ao principio non había estrulladoras entón pisábanse no que se chamaban “cestos carrales” cando se traían xa da viña. Logo íase botando todo nas cubas grandes ou en tinos, pero maiormente nas cubas de madeira que podían levar 3.000, 4.000 ou 5.000 litros de viño. Así que botánbase alí e, unha vez que empezaba a fermentar, pois subía o calor. E aí vese outra das vantaxes da cova. Hoxe enfríase o viño no aceiro inoxidable por medios mecánicos, pero antes non se tiña esa posibilidade e unha forma de manter a temperatura era o mesmo feito de estar baixo terra, xa que ao estar fresco, o viño non collía tanta temperatura ao fermentar.

 

 

¿Como se facía para baixar o viño?

Nalgúns casos había unhas bombas manuais, sacabas o viño por abaixo, botábasllo por riba para enfrialo. Noutros casos era necesario meterse dentro da cuba a pisar o viño para baixalo, e neste labor téñense producido accidentes e mesmo morrer alguén asfixiado polo que se chamaba o tafo, os gases que soltaba. A proba era ir coa candea, se se apagaba había que saír rapidamente para fóra e facíase lume abaixo, senón non podías entrar. Ese era o problema máis grande que tiñan. Nunca podía ir unha persoa soa á cova cando era nesa época, porque podía sufrir a denominada morte doce. Por tanto, seguindo ese proceso pisábanas ata que fermentaba, e despois quedaba limpo e xa trasfegabas o viño ás cubas limpas e deixábalo. E aí, como dicía antes, Vilamartín tiña vantaxe sobre os outros pobos, que se vían obrigados a vender o viño porque non tiñan forma de conservalo. Ofrecíanllo aos viñateiros do Barco, de Vilamartín, da Rúa… porque ao principio non existían as cooperativas, eran almacéns. No caso de Vilamartín tamén llo levabas pero se non che interesaba o prezo, dicías: non. Se o viño era bo podíaste permitir trasfegalo, pasalo a limpo e que aguantase alí para vendelo ao que máis che pagase.

Agora as covas vense máis como un lugar de lecer, pero antigamente eran básicas para a economía familiar…

O invento da cova en Vilamartín a verdade é que foi moi importante porque aquí só se vivía do viño e de preparar cepa, enxertos. E as covas fixéronse tan necesarias que creo que nalgún momento chegou a haber tantas como familias había en Vilamartín vila, que tivo no seu momento ata 4.500 habitantes. Cando eu era rapaz andaríamos polos 3.000 habitantes. Todas as familias tiñan as súas cepas e os seus enxertos, que lle vendían a outras persoas encargadas de comercializalos. De feito a frase ou lema de “Vilamartín de España o xardín” viña precisamente da frondosidade que tiña esta localidade co rego. Había uns 55 anos só vías hortas e viñas. Había prado na zona de debaixo da vía e horta para os animais porque era moi húmida e, na parte de arriba, enxertos. E había épocas do ano, como esta da viña verde, na que vías todo verde, coas ladeiras cheas de viñedo, realmente era moi bonito, vivíase diso.

¿Onde se vendían os enxertos?

Moitos ían para Galicia, pero tamén para toda España. Chegaba a feira de Ourense e milleiros e milleiros de enxertos cargábanse na praza en camións para levalos a vender ao Ribeiro. E a estación de Vilamartín daba gusto vela caraí moi metido, a cova, o viño… aínda que eu nunca me dediquei a isto, pero agora abrila e elaborar o meu viñiño, levar a calquera persoa á cova… pois é algo bonito e queda un satisfeito. E supoño que para os outros coveiros será algo parecido porque as covas son herdadas e que se vendan hai moi pouquiñas. Véndese ao extinguirse unha familia ou porque os seus membros marchan de aquí, pero estando en Vilamartín ninguén vende a cova, é máis, o que fan é arranxalas, preparalas.

 

Manuel López Pérez, coveiro de Vilamartín, na entrevista co Periódico O SIL.

 

Falaba antes de que as covas eran un lugar de xuntanza, ¿hoxe ségueno sendo?

Na actualidade algúns costumes como volver a pasar as tardes de viños e merendas recuperáronse grazas á idea da Asociación Cultural Penasdauga, á que logo deu continuidade a Asociación de Coveiros, de facer a Festa das Covas que vai xa pola súa 23 edición. Esta celebración fixo rexurdir eses costumes dos que falabamos antes, non só nestas covas, senón tamén despois noutras de lugares próximos como Seadur, Arcos, O Castro, Oval… Espero que esta festa non se perda e que a xente nova se anime porque non hai nada igual ao que temos en Vilamartín. Esta festa ponnos no mapa de Galicia e de fóra da comunidade.

Esta celebración supuxo tamén un pulo de cara á recuperación destas antigas adegas….

¡Claro! Deulle un impulso moi grande para que se recuperaran porque, anos atrás, a xente da miña xeración empezou a deixar o tema da viña e dos enxertos, á diferenza dos nosos pais, que vivían disto. Entón agora temos as covas co fin de mantelas e para facer o noso viñiño.

¿Como vive un coveiro a xornada da Festas das Covas, que este ano será o 3 de agosto?

Quizais ao principio era máis bonita no sentido de que tiñas máis tempo para atender á xente que viña, que era moita menos, para explicarlle as características dunha cova, como era antes o traballo… Nos últimos anos estamos falando dunhas 5.000 persoas, pero si que é certo que hai moita xente interesada, algúns son estranxeiros, outros de Madrid, Asturias… e preguntan sobre como se contruíron, para que servían, etc. Nós queremos que a xente veña, vexa a cova e marche contenta, iso fai que un se sinta moi ben, aínda que ese día non o disfrutemos os coveiros. Tamén é certo que dende hai uns anos organízase esa ruta pequena na véspera que está pensada para nós, e aí pasamos un ratiño moi bo. A verdade é que na festa é unha satisfacción ver que a xente o pasa tan ben.

 

Entrevista dispoñible tamén no xornal en papel do mes de xullo de 2019.

Texto: Ángeles Rodríguez

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button