ConcellosÚltima hora

Manuel López, novo alcalde de Xinzo de Limia

Na mesma sesión plenaria tamén tomaba posesión Ricardo Sieiro como novo concelleiro popular

Na mañá do 6 de abril a Corporación de Xinzo de Limia celebraba unha sesión plenaria para elixir ao seu novo alcalde, despois de que o anterior rexedor, Antonio Pérez (PP), presentara a súa demisión a finais de marzo.

A sesión comezaba coa designación e toma de posesión do novo concelleiro do PP, Ricardo Sieiro, que vén de ocupar a vacante deixada por Antonio Pérez. De seguido, procedíase á elección do novo rexedor. Optaban ao cargo os concelleiros que encabezaban as diferentes listas nas pasadas eleccións municipais, sendo por tanto os candidatos: Ramón Rodríguez Suárez, Manuel Pérez Campos, Elvira Lama Fernández e Manuel López Casas.

Logo procedíase á votación (secreta en urna), na que resultaba elixido por maioría absoluta (con nove votos) Manuel López, quen ata o de agora viña ocupando o cargo de tenente de alcalde, como novo rexedor de Xinzo. No seu discurso de toma de posesión, López Casas amosaba a súa intención de antepoñer as necesidades dos veciños de Xinzo aos intereses particulares dos partidos e de apostar pola liña do diálogo e do consenso. “Todos temos a responsabilidade de servir aos veciños/as deste concello”, dicía.

 

Artigos relacionados

Back to top button