ConcellosÚltima hora

Manzaneda abre as súas piscinas municipais, recén renovadas

Permanecerán abertas ata final do verán en horario de 12h a 20h e contarán con clases de natación para os máis cativos
Imaxe dunha das zonas das piscinas municipais de Manzaneda./ Foto: Concello de Manzaneda.

Con novidades, para mellorar o calidade dos servizos que ofrecen, veñen de abrir as súas portas neste verán as piscinas municipais de Manzaneda. Nelas realizábanse unha serie de obras para renovar e ampliar o predio (céspede) e mellorar o acceso. “Estas actuacións realizáronse ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia”, tal e como se informa dende o Concello de Manzaneda.

Este programa mixto de emprego e formación está dirixido a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil. No caso concreto da actuación de Manzaneda o obxectivo era mellorar o predio da piscina municipal primeiro, aumentando notoriamente os metros cadrados de céspede, e, segundo, cambiando a totalidade do céspede, ademais de mellorar o peche perimetral. “Con esta subvención, o Concello de Manzaneda, aforrou máis dun 60% do gasto desta mellora e aportou 9.500€ para tal fin”, destacan dende o Concello.

 

As piscinas estarán abertas ata o final do verán./ Foto: Concello de Manzaneda.

 

As piscinas, que son totalmente de balde, permanecerán abertas ata final do verán en horario de 12h a 20h e contará con clases de natación para os máis cativos. Ao mesmo tempo tamén se poderán utilizar os servizos que posúe (todos gratuítos) como os de vestiarios e duchas, cafetería, parking para bicicletas ou pavillón polideportivo, así como o campamento de verán para cativos, que terá lugar de lúns a martes no espazo de lecer. Ademais nas festas patronais de agosto instalaranse nela inchables para os máis cativos así como festa da escuma.

Artigos relacionados

Back to top button