ConcellosÚltima hora

Manzaneda apoia a continuidade do rexistro da propiedade de Trives

A súa Corporación vén de aprobar unha moción para “blindar a figura do rexistrador no Rexistro da Propiedade” trivés
Imaxe de arquivo dun pleno no Concello de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

No pleno que se celebraba o martes 21 de marzo no Concello de Manzaneda aprobábase unha moción para blindar a figura do “Rexistrador no Rexistro da Propiedade de A Pobra de Trives, unha das que está ameazada xunto coas de Muros, A Fonsagrada, Becerreá, Quiroga, Bande e Celanova, Viana do Bolo e Ponte Caldelas, pasando a ser simples oficinas de recepción de documentos”, segundo se indica dende este Concello.

O texto aprobado pola Corporación de Manzaneda tamén indica que a norma que recolle esa modificación nos rexistros da propiedade “non foi consensuada cos Concellos e supón un ataque frontal á prestación de servizos públicos de carácter esencial no medio rural e nas vilas medias de Galicia”.

Ao mesmo tempo lémbrase que as funcións do Rexistro da Propiedade “afectan a todo o tráfico xurídico relacionado co dereito de propiedade inmobiliaria, e cómpre acudir a el para calquera transacción significativa sobre parcelas rústicas e urbanas, e todo tipo de vivenda ou construción. Ademais, no Rexistro da Propiedade liquídanse os impostos derivados das transaccións inmobiliarias, ao ter as oficinas a condición de axentes colaboradores da Facenda Pública autonómica”. E indícase que esta medida “suporá con seguridade a destrución de emprego en vilas pequenas e medianas do noso país”.

Na parte resolutiva da moción o Concello de Manzaneda insta á Xunta de Galicia a “oporse á eliminacion e peche do rexistro da propiedade de Pobra de Trives e sumarse a todas as accións encamiñadas a defender o mantemento do rexistro da propiedade” desta vila “nas condicións actuais”.

Asemade insta a demandar “ao Ministerio de Xustiza a derogación da lexislación que implique a eliminación e peche do rexistro de propiedade trivés”.

Artigos relacionados

Back to top button