En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Manzaneda aposta pola intervención social na loita contra o lume

O Centro Cultural de San Miguel acollía un foro veciñal do proxecto “Batefogo” no que se presentaban os primeiros resultados deste estudo

Constrastar as principais conclusións do estudo de “Batefogo. Prevención de lumes forestais a través da intervención social” cos veciños de Manzaneda, ámbito de acción deste proxecto. Ese era o principal obxectivo do foro veciñal que se convocaba na mañá do 21 de maio no Centro Cultural de San Miguel. A reunión abríase coa intervención do alcalde de Manzaneda, David Rodríguez, quen lembraba que o lume e os incendios son “unha gran preocupación dos veciños deste concello, trátase de ver por que arde o monte e de buscarlle solucións”, aseguraba.

A continuación dous membros do equipo que elabora o proxecto explicaban a xénese deste proxecto e a fase na que está actualmente. “O groso do estudo está feito, pero o documento segue en proceso de elaboración”, matizaban. De feito, este foro buscaba recabar o punto de vista veciñal sobre a principais conclusións obtidas ata o de agora. Tamén se analizaban, tomando como referencia diversos mapas incluídos no estudo, cuestións como os lumes rexistrados dende o ano 2010 ata a actualidade en Manzaneda ou a distribución e tipoloxía de formacións forestais deste municipio ourensán de alta montaña.

Dese xeito, tras a exposición inicial, organizábanse grupos de traballo para analizar e comentar os diversos tipos de causas polas que arde o monte neste concello. Un dos membros do equipo, Miguel Pardellas falaba de dous tipos. Por unha banda, citaba ás causas “estruturais”, ligadas a cuestións como o despoboamento e avellentamento, o abandono do monte, a política forestal ou o cambio climático. Pola outra, apuntaba unaha serie de causas “circunstanciais” como as naturais, as neglixencias, queimas agrícolas, etc.

A intención é obter a través desta xuntanza un “estudo do territorio consensuado coa veciñanza e unha serie de propostas de traballo que, nun segundo encontro, concretaremos e detallaremos para poder levar á práctica”, segundo adianta o equipo de “Batefogo”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button