ConcellosManzanedaÚltima hora

Manzaneda aproba as bases das axudas para o fomento da natalidade

Esta liña de subvencións vén de ser aprobada en pleno co consenso das tres forzas políticas da Corporación

Exterior do Concello de Manzaneda.

Entre os asuntos que formaban parte da orde do día do pleno que a Corporación de Manzaneda celebraba o pasado venres 2 de outubro figuraban a reforma das bases reguladoras de axudas para o fomento da natalidade. Este punto resultaba aprobado.

“Neste caso destacou o consenso das tres forzas políticas que forman a Corporación dende o primeiro momento en que se falou dela. Durante as últimas semanas un concelleiro/a de cada grupo estivo pulindo as bases ata chegar a este acordo”, tal e como indica o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, que ademais agradece “a colaboración de todos”.

Nas bases indícase que o Concello detectou que “nos últimos anos existe unha clara tendencia á diminución da poboación, feito que implica graves consecuencias para o municipio xa que, se non se cambia a tendencia, chegará un momento no que a escasa poboación impedirá atender uns servizos públicos adecuados e dignos, por outra banda, imprescindibles nos tempos actuais”.

Ademais sinálase que poderán ser beneficiarios destas axudas os pais/nais con fillos e dará lugar “ao recoñecemento da subvención cada nacemento que teña lugar no Concello de Manzaneda”, algo que será necesario acreditar cunha serie de documentación que se detalla nas bases. Para o ano 2020 a cantidade que o Concello de Manzaneda destinará a estas axudas será de 8.000 euros.

“Cada nacemento que teña lugar será obxecto dunha axuda por importe de 800 euros no primeiro ano e outros 800 euros máis cada ano seguinte ata un máximo de catro anualidades”, segundo as bases. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral durante este ano polos nacementos que tivesen lugar no ano natural. Terán dereito a esta axuda “todos os nenos e nenas nados ou adoptados dende o 1 de xaneiro de 2018”.

As reguladoras poden consultarse no facebook do Concello de Manzaneda.

Artigos relacionados

Back to top button
Close