ConcellosManzanedaÚltima hora

Manzaneda, Castrelo de Miño, Celanova e Muíños xa son Concellos Emprendedores

Galicia conta actualmente con 140 Concellos Emprendedores, xa que aos 64 da provincia de Ourense engádense 36 na Coruña, 18 na de Lugo e 22 en Pontevedra

Exterior do Concello de Manzaneda.

 

A provincia de Ourense suma 64 Concellos Emprendedores, tras a adhesión dos municipios de Manzaneda, Castrelo de Miño, Celanova e Muíños. “Con esta distinción súmanse ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecen máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais”, segundo asegura a Consellería de Economía. No caso de Galicia son 140 os Concellos Emprendedores: 64 na provincia de Ourense, 36 na Coruña, 18 en Lugo e 22 en Pontevedra.

Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia.

“A Xunta está a dar prioridade aos Concellos Emprendedores en diversas liñas de axudas destinadas a impulsar a fábrica intelixente, o emprego de calidade e o emprendemento baseado na innovación e no talento. Para iso, o Goberno galego establece nestas axudas, que están a ser convocadas en réxime de concorrencia competitiva, un criterio específico”, segundo Economía.

Os Concellos Emprendedores, pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese por instalarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes. Deste xeito, a colaboración entre as administracións públicas permite avanzar cara a unha Galicia máis competitiva.

Artigos relacionados

Back to top button