En portadaÚltima hora

Manzaneda, concello pioneiro en implantar un sistema de localización para persoas con trastornos de orientación

Trátase duns dispositivos para a Residencia da Terceira Idade deste municipio que permitirán o seguemento de persoas con problemas de orientación
Exterior da Residencia da Terceira Idade de Manzaneda.

O Concello de Manzaneda acaba de adquirir cinco dispositivos electrónicos tipo chaveiro para localización de persoas con trastornos de orientación. “Estes dispositivos, unha vez parametrizados correctamente estarán conectados a unha Central de alarmas 24 horas que no caso de que a persoa que o porte, supere nun radio de 35 metros, enviará un sinal á central que inmediatamente chamará por teléfono avisando da saída da persoa do radio de seguridade”, tal e como se informa dende o Concello.

Ademais unha aplicación informática permite localizar nun plano a situación da persoa portadora do dispositivo, posición que se actualiza cada minuto. “O sistema realmente está pensado para o seu uso fóra de edificios, xa que dentro a marxe de erro é maior. Fóra dos edificios conéctase a través dun sistema GPS, no caso de non ter sinal emprega a de telefonía móbil ou a das redes Wifi que atope”, segundo o Concello de Manzaneda.

Tendo en conta as desaparicións sucedidas en distintos centros e lugares no pasado verán, o Concello de Manzaneda quixo dar solución e “é pioneiro na implantación deste sistema que permitirá dotar de certa liberdade de movementos ós usuarios, é mais segura ca unha barreira física tipo valado ou cercado xa que éstes se poden saltar, abrir ou superar de calquer xeito e incluso lesionarse”, asegúrase dende esta Administración local.

O custo aproximado dos dispositivos foi de 900 euros e o custo anual de mantemento, conexión a central, sofware, etc… rondará os 700 euros anuais, segundo estima o Concello de Manzaneda.

Artigos relacionados

Back to top button