ConcellosEn portadaManzanedaTrivesÚltima hora

Manzaneda e Trives levan 3 días sen servizo telefónico fixo nin conexión a internet

Dende os Concellos considérase "unha vergoña esta situación en pleno século XXI" e falan das súas consecuencias no funcionamento da administración e das empresas

 

Dende hai xa tres días non soan os teléfonos fixos nos municipios de Trives e Manzaneda, nin tampouco hai servizo de internet. “Esta situación é vergonzosa e afecta, tanto ao funcionamento do Concello, en materia de tramitacións, como ás propias empresas que temos aquí, xa que impide o seu funcionamento normal. Isto non está arranxado por deixadez”. Deste xeito se refire o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, á falta de servizo telefónico fixo e de internet que se sofre neste municipio dende o pasado martes.

“Chamamos todolos días a Telefónica  e a única resposta que tivemos foi que tiñan unha avaría por culpa dun incendio na zona de Ponte Bibei e que estaban arranxándoa”, asegura o rexedor. “En ningún momento nos ofreceron ningún tipo de solución alternativa, durante o martes e mércores ata ás 12 do mediodía fomos tirando para o básico cun portátil e usando os móbiles particulares para obter datos. Dende as 12h. de onte tampouco van ben os datos dos teléfonos móbiles. Non tes cobertura de móbil, non tes cobertura de datos, é unha vergoña que levemos tres días sen este servizo que é básico para poder traballar”, insiste Amable Fernández.

O mesmo problema teñen no veciño municipio da Pobra de Trives. “Non podemos recibir chamadas dende o martes, nin notificacións, non funciona internet, nin o rexistro, nin as plataformas asociadas para poder subir documentación… Temos o Concello totalmente bloqueado. E unha administración local non pode quedar paralizada por un cable que ten que arranxar a empresa telefónica, hai cousas urxentes que non poden esperar”, asegura a alcaldesa trivesa, Patricia Domínguez.

O mesmo lle sucede ás diferentes empresas e negocios do municipio e a servizos básicos como o das farmacias, correos… “Isto aféctanos a todos e ademais tamén vai mal a telefonía móbil. Esta é unha situación lamentable e precaria, imos esperar a ver se se arranxa isto hoxe, se non é así, teremos que tomar as accións pertinentes e presentar reclamacións porque xa van moitos días e presentar”, adianta a rexedora trivesa.

Ambos alcaldes coinciden en que esta situación é “unha mostra máis da falta de interese que hai polo rural”.

Artigos relacionados

Back to top button
Close